Municipais 2011

<< A Mariña máis popular >>

Superada unha xornada electoral histórica polo alto grado de participación –votaron máis mariñáns que nunca-, cómpre agora facer o habitual balance dos resultados acadados, que nos ofrecen un mapa político e municipal distinto na nosa comarca: unha Mariña lucense cada vez máis popular.

 O éxito colleitado é un claro indicio de que a renovación iniciada polo PP, en 2009, está a ser aplaudida polos galegos masivamente, xa nas primeiras eleccións que se afrontan con Feijóo á cabeza, os populares mariñáns creceron en preto de 2.000 votos.

 En 14 dos 16 concellos da nosa comarca –incluíndo Riotorto- foi o Partido Popular a forza política máis votada e, na práctica totalidade deles, con posibilidades certas de asumir a responsabilidade de goberno. Os populares teñen, polo tanto, máis votos e máis alcaldes, pero tamén máis concelleiros na Mariña ao incrementarse a cifra en 92 edís, seis máis que no 2007.

 Do que non cabe dúbida é de que o Partido Popular gañou as eleccións municipais na Mariña lucense, ampliando a súa hexemonía. Pola contra os socialistas sofren un serio correctivo ao perder máis de 4.000 votos, nada máis e nada menos que un 24% dos sufraxios. Son os candidatos do PSOE os grandes perdedores, tras unha noite electoral na que o PP sube un 10% e o BNG –aínda que castigado en Foz, Barreiros e Cervo, os enclaves nos que se enfrontaban ás furnas os membros da súa cúpula comarcal- crece un feble 4%.

 A xornada electoral deixa claro tamén outro dato, que A Mariña lucense, como o resto de Galicia rexeita os bipartitos. A maioría absoluta acadada polo PP de  Burela da conta de que a desunión non é o camiño escollido polos cidadáns para xestionar a actual crise e apostan pola estabilidade, por alcaldes con amplo respaldo cidadán.

 Hoxe máis que nunca é importante facer unha reflexión respecto da necesidade de deixar gobernar á lista máis votada. Esta sería o mellor xeito de respectar a vontade cidadá expresada en Foz, Viveiro, Riotorto e Mondoñedo. De xeito especial nestas dúas últimas localidades nas que, o respaldo é tan amplo que, a maioría absoluta non se obtivo por un puñado de votos.

 Tras as municipais está claro que o PPdeG segue a ser o partido que máis se parece a Galicia, o que consegue o apoio maioritario dos galegos elección tras elección. A nosa comarca segue a apostar por gobernos populares fortes, por unha política de rigor e discriminación positiva cara a Mariña. Rexeitando formas de facer que nos levan á crise e ao liortas perpetuas. A Mariña é máis popular pola vontade maioritaria dos seus veciños, que agora nos emprazan a seguir traballando para que nas vindeiras xerais o cambio tamén sexa posible no conxunto de España.