Festas patronais de San Ciprián

Raiña do Mar, patroa de San Ciprián

 

 A celebración dunha cita da importancia que para San Ciprián ten as festas na honra da Virxe do Carme é un motivo de grande ledicia para o conxunto dos veciños e veciñas deste pobo, que cada ano renovan a súa fe e fan visible unha grande devoción ao paso da imaxe da patroa, Nosa Señora.

 

Con toda seguridade non estou a cometer ningún erro ao subliñar que esta é unha das festividades que maior arraigo histórico e cultural concita na Península da Paz. De feito, ollando os anuarios que o Concello de Cervo vén de distribuír estes anos, e as distintas fototecas, resaltan pola súa beleza as instantáneas en branco e negro das procesións das Festas do Carme que ao longo de décadas tiveron lugar por estas mesmas rúas, que ano tras ano, pasaron ao carón dos nosos fogares.

 Un evento desta magnitude converte ás festas patronais nunha cita obrigada coa relixiosidade, co folclore, coa cultura, coa amizade. De feito, este é o tempo máis propicio para celebrar un acontecemento que ten como base a constante recuperación das nosas tradicións, e a homenaxe a un pobo que non renuncia a seguir facendo do mar, do noso Cantábrico, o seu sinal de identidade máis significativa.

 A Virxe do Carme é tamén imaxe recorrente para milleiros de homes e mulleres do mar que lle encomendan a súa protección. Profesionais que desenvolven o seu esforzado traballo nun medio especialmente difícil, no que o risco cero non existe. Precisamente por iso, na miña condición de Secretario do Parlamento de Galicia, dunha Galicia mariñeira, pero tamén moi especialmente como voceiro parlamentario de Pesca do  Grupo Popular, non podo deixar de recoñecer a inmensa satisfacción que supón que no pobo no que está o meu fogar acolla con especial cariño unha cita na honra da patroa das xentes do mar.

 A Stella Maris, a estrela do mar, á Virxe María na súa advocación do Carme sempre nos acompaña. Volve a iluminarnos, volve a ser luz que guía, o noso faro, nunha época complicada pola crise e as dificultades. Máis ca nunca a súa imaxe debe ser un motivo para a esperanza, para a ledicia, para a confianza no futuro, para ter seguro que o traballo conxunto e valente de todos nós conseguirá que veñan tempos mellores.

 Con todo, á marxe do ámbito relixioso, falar das festas é tamén facelo do esforzo de moita xente, da colaboración de distintas empresas e institucións que as fan posible. Quizá porque en moitas ocasións, e hoxe unha vez máis, tiven oportunidade de vivilo en primeira persoa, creo que tamén é un bo momento para render homenaxe a todas as mulleres e homes que nos precederon na organización das festas. Todos e cada un deles fixeron posible, co seu traballo, que cheguemos ata aquí.

 Non sería xusto esquecer o noso agradecemento a todo eles, tantos que non podería nomealos, pero que todos coñecemos sobradamente. Voluntarios das comisións organizadoras, membros de asociacións, efectivos dos distintos  servizos municipais, de protección civil, merecen o noso total recoñecemento. Eles moi especialmente, pero tamén o conxunto dos veciños deste pobo que co seu grao de area, ao seu xeito, fan que San Ciprián nestas semanas luza máis fermosa ca nunca.

 Chegado este punto tan só é posible formular un desexo: Que abramos de par en par as portas do noso pobo a todo aquel que queira gozar da festa. Que ninguén poida sentirse excluído: maiores, pequenos, en familia, de aquí ou de alá. Sintámonos  orgullosos da imaxe do noso pobo. Deamos renda solta á alegaría, rachemos os formulismos cotiás, que as festas son poucos días e temos que aproveitar cada minuto.

 Todos xuntos, como un pobo sincero e agradecido, unámonos para dar as grazas a bela imaxe da Virxe do Carme nestes días nos que está máis  iluminada que nunca pola fe dos devotos. Unha festas de verano, do mar, na honra de Nosa Señora, na honra desa nai con maiúsculas que tantos sentimentos move en todos nós, no nobre interior das e dos veciños de San Ciprián.

 Jose Manuel Balseiro Orol – Presidente da Comisión de Festas de San Ciprián