Incentivo á actividade emprendedora

Feijoo inaugura o parque empresarial de Landrove, en Viveiro.

O Goberno do PP dá resposta con esta nova infraestrutura a unha vella aspiración “para a promoción empresarial do concello, da Mariña e do conxunto de Galicia”

Viveiro, 31 de agosto de 2011.- No tocante ao Parque empresarial de Landrove, o Presidente da Xunta de Galicia afirmou -no transcurso do acto inaugural- que “esta superficie de 130.000 metros cadrados dá resposta a unha vella aspiración dos empresarios, das organizacións sindicais, do concello e da Mariña lucense”. “Hoxe, -engadiu- este parque empresarial convértese nun instrumento para a promoción empresarial do concello de Viveiro, da Mariña e do conxunto de Galicia”.

Asimesmo, Feijóo subliñou que este parque encádrase dentro das medidas económicas do Goberno, xa que “non se trata só de facer superficie para os emprendedores, senón de ter un plan onde se encadre esa decisión dos polígonos industriais”. E, neste sentido, lembrou que o Plan Impulsa Lugo “é o plan estratéxico do Goberno de Galicia para a economía desta provincia”.

Durante a súa visita, o responsable do Goberno galego cualificou o Plan Impulsa Lugo de “potente ferramenta de cohesión” e lembrou que leva xa mobilizado máis de 122 millóns de euros de investimento, que permitiron crear ou manter máis de 400 postos de traballo.

“Este plan estratéxico Impulsa Lugo, supón que os emprendedores que queiran adquirir parcelas neste polígono terán unha subvención, o prezo da parcela e o investimento total das empresas que aquí se radiquen de ata o 50%, en función dos parámetros do plan e das súas concrecións. Sectores acuícolas, enerxías renovables…, en definitiva, capacidades económicas para a Mariña lucense que hoxe teñen a posibilidade de ubicarse nestes 130.000 metros cadrados que poñemos a disposición”, matizou.

Por último, o titular da Xunta amosou o seu desexo de que este novo parque industrial contribúa a animar a iniciativa privada e a xeración de emprego e riqueza; “que se converta nun novo viveiro de empresas que é, en definitiva, a garantía do Estado do benestar, que é o que perseguimos todos os gobernos”.

Feijóo avogou por seguir mantendo o concepto da Galicia global, “que é –afirmou- o concepto da Galicia equilibrada; e o equilibrio de Galicia pasa pola discriminación positiva da provincia de Lugo”.

Plan de Solo Empresarial

 O presidente do Goberno galego, destacou esta o compromiso da Xunta co novo Plan de Solo Empresarial e avanzou a creación doutros dez parques de nova construción, que permitirán dispoñer de 4 millóns de metros cadrados máis para asentamentos empresariais.

Feijóo salientou que este novo plan está orientado a completar a dotación dos espazos precisos para a instalación de novas empresas e para a ampliación das existentes. “Presentaremos este novo Plan de Solo Empresarial –dixo- nun momento de crise económica, con tres requisitos: respostar unha óptica global de desenvolvemento económico e social sostible da Comunidade autónoma; dentro das directrices de ordenación do territorio aprobadas polo Goberno; e, en terceiro lugar, en función da demanda real que teña cada territorio onde se vaian a iniciar os novos polígonos industriais”.

Logo de lembrar que, nestes dous últimos anos e medio, lévanse posto a disposición dos empresarios galegos 1,8 millóns de metros cadrados, en 11 polígonos industriais, “dos que arredor dunha cuarta parte da superficie xa está vendida ou reservada”; o presidente da Xunta resaltou que “a situación actual de Galicia é que temos unha bolsa de chan industrial dispoñible para os emprendedores de 2,8 millóns de metros cadrados, distribuídos en 52 parques empresariais: 21 na provincia da Coruña, 15 na de Lugo, 8 na de Ourense e outros 8 na de Pontevedra”. “A estes 2,8 millóns de metros cadrados –engadiu- temos que sumar outros catro millóns que ven recollidos no novo Plan de solo referido”.