Xuventude

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado reforza mediante axudas directas as actividades que neste sentido emprendan varios  concellos da Mariña lucense

A Xunta destina preto de 50.000 euros para actividades dirixidas á xuventude, información e acceso ás novas tecnoloxías

 

  • O deputado popular Jose Manuel Balseiro valora positivamente o compromiso e a aposta desenvolvida polo Goberno galego en apoio da xente moza.

 

A Mariña, 2 de setembro de 2011. O deputado popular Jose Manuel Balseiro valorou positivamente o compromiso e a aposta desenvolvida pola Xunta de Galicia en apoio da xente moza, tras coñecerse que a administración autonómica destinará preto de 50.000 euros para actividades dirixidas á xuventude, información xuvenil e acceso ás novas tecnoloxías.

 A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, amplía e reforza mediante estas axudas ás distintas accións que neste ámbito emprendan varios concellos da Mariña lucense.

 Máis en concreto a relación de municipios da nosa comarca beneficiados pola achega da Xunta inclúe 12 entidades locais –que previamente solicitaron as axudas-, con contías que varían en función dun baremo que valora, entre outras, a memoria de actividades propostas e o número de participantes potenciais nas mesmas

 Os concellos beneficiarios son os de Alfoz (4.227,83 €), Barreiros (4.342,09 €), Burela (3.827,90 €), Cervo (4.170,69 €), Foz (3.427,97 €), Lourenzá (3.999,30 €), Mondoñedo (3.713,63 €), Ourol (2.248,50 €)  Ribadeo (3.599,37 €), Valadouro (4.227,83 €), e Vicedo (4.456,36 €),  Xove (4.627,76 €), cunhas contías que en global son próximas aos 50.000 euros.

 As achegas económicas da Xunta están dirixidas a proporcionar o financiamento complementario para que os concellos receptores poidan desenvolver distintas actividades formativas e educativas, actividades relacionadas coa creación xuvenil, os programas de información e asesoramento, ocio e tempo libre, os programas que fomenten a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías e, en xeral, todas aquelas actividades relacionadas co fomento da participación e o asociacionismo xuvenil.

O Goberno autonómico inclúe estes apoios dentro da súa estratexia para a mocidade galega denominada Xuventude 2013, coas finalidades, entre outras, de potenciación dos espazos de lecer e información xuvenil, crear oportunidades para a mocidade na educación en no emprego; potenciar a solidariedade; e mellorar o acceso das persoas mozas á participación na sociedade e ao coñecemento das novas tecnoloxías.