Acordo parlamentario

 A iniciativa, promovida polo voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, foi obxecto de debate na Comisión de Pesca e Marisqueo que tivo lugar na mañá de hoxe

 O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA DAR PRIORIDADE AOS INVESTIMENTOS EN APOIO DO  PEIRAO DE MIRASOL EN RIBADEO

  • A Cámara galega establece un mandato a Portos de Galicia para dar continuidade ás medidas dirixidas a “asegurar, afianzar e expandir” o volume de tráfico portuario desta dársena comercial lucense.
  • Balseiro Orol indica que, unha vez asegurada a actividade de ENCE neste peirao, que os socialistas puxeron en perigo, cómpre agora continuar coas obras comprometidas, empezando pola ampliación e dragado da dársena comercial obras  que se inauguran este mesmo venres.

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade das tres forzas políticas a iniciativa do Grupo Popular para dar prioridade aos investimentos en apoio do peirao comercial de Mirasol, en Ribadeo. A iniciativa, promovida polo voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, foi obxecto de debate hoxe na Comisión de Pesca e Marisqueo e acadou o respaldo unánime de populares (os autores), socialistas e nacionalistas.

 A través deste acordo a Cámara lexislativa galega establece un mandato a Portos de Galicia para que dea continuidade, agora e no futuro, ás medidas dirixidas a “asegurar, afianzar e expandir” o volume de tráfico portuario desta dársena comercial lucense, considerada de interese estratéxico para a economía da comarca e o sostemento dos empregos a ela asociada.

 Cómpre lembrar que no pasado, os proxectos impulsados polos socialistas tanto desde Fomento (Autoridade Portuaria de Xixón e FEVE), como polo anterio goberno do PSOE do Principado de Astuarias, buscaban arrebatar ao porto lucense a actividade que nel desenvolve a empresa madereira ENCE, e que representa preto do 65% do total da actividade desta dársena.

 De feito, a idea inicial impulsada polos socialistas era que o porto do Musel (Asturias) substituíra ao de Ribadeo como punto de saída e entrada destas mercadorías. Só a ofensida da Xunta popular, que logrou un acordo coa empresa, logrou o mantemento desta actividade. A través dun convenio Portos de Galicia asumía o compromiso de executar unha serie de investimentos e outras moitas melloras portuarias de cara ao futuro que agora o propio Parlamento subliña como prioritarias e establece que deben ter continuidade de cara aos próximos anos.

 Jose Manuel Balseiro amosou a súa satisfacción polo acordo acadado e sinalou que indica que, unha vez asegurada a actividade de ENCE neste peirao, que os socialistas puxeron en perigo, “cómpre agora continuar coas actuacións comprometidas, empezando pola ampliación e dragado da dársena comercial, obras  que se inauguran este mesmo venres”.