Opinión

<< Lugo ten mar pero está na Mariña >>

 

Resulta moi complicado convencer á xente da importancia de racionalizar a administración e de confiar no bo facer dos xestores públicos en tempos de crise, cando algúns políticos adoptan decisións rocambolescas, sen ningún tipo de sentido, que lonxe de achegar a administración aos cidadáns e de buscar a mellor utilidade dos servizos públicos van na dirección contraria.

 No día de onte unha pomposa comitiva, encabezada polo Delegado de Goberno en Galicia -o Sr. Cortizo- visitaba as obras da nova sede provincial do Instituto Social da Mariña (ISM). Un organismo creado para prestar servizos -en exclusiva- ás xentes do mar, pero que o goberno socialista decidiu situar na cidade de Lugo, a máis de cen quilómetros da costa lucense.

 Desde o Partido Popular de Galicia e, de xeito moi particular este deputado, como portavoz en asuntos pesqueiros, denunciamos moitas veces este feito, indicando incluso que o Goberno central perdía unha oportunidade única para trasladar a xefatura provincial do ISM ata calquera dos concellos da costa lucense. Postos a cambiar de sede e a mercar un novo edificio, que mellor que facelo ao carón do mar. Pero nin se nos escoitou a nós,  nin queren escoitar ao Parlamento de Galicia que en decembro de 2006, a proposta deste deputado, adoptada un acordo por unanimidade -co apoio, polo tanto, das tres forzas políticas- no que se lle instaba ao Goberno central a que “promovera o traslado do ISM á costa lucense, co fin de achegar as súas prestacións aos seus usuarios”.

 Ninguén cun mínimo de obxectividade e sentido común poderá defender o que na nosa provincia está a facer o Goberno socialista. E por iso resulta moi salientable o silencio cómplice do PSOE na Mariña, mudo ante tamaño erro. Calquera pode entender que sería moito máis lóxico que o ISM e o investimento millonario –empregado para mercar un novo edificio e para as obras de adaptación do mesmo- estarían moito mellor empregados ao carón dos que terán que facer uso del. Con todo, si hai algo verdadeiramente absurdo, é que se lle obrigue ás xentes do mar a desprazarse máis de cen quilómetros ata a cidade de Lugo, incorrendo nuns gastos que cada un dos cidadáns teñen que pagar dos seus petos e  que puideron ser totalmente prescindibles.

 Di o Sr. Orozco, que esta obra sirve para lembrar que Lugo ten mar. Efectivamente isto é así. E ademais os que temos a honra de vivir na costa presumimos desta condición. Pero o que parecen esquecer os socialistas e o  conxunto dos actuais xestores do Goberno central é que Lugo ten mar, pero está na Mariña lucense.

Jose Manuel Balseiro Orol– Voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular de Galicia