Intervención parlamentaria

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular puxo de relevo a imprudencia e torpeza do Goberno central neste asunto e lamentou que non se respectara o principio de prudencia

BALSEIRO RECLAMA NO PARLAMENTO A DIMISIÓN DA MINISTRA LEIRE PAJÍN

  • Acúsalle de provocar unha alarma inxustificada e un dano ao sector pesqueiro como consecuencia da recomendación emitida pola Axencia Estatal de Seguridade alimentaria desaconsellando o consumo de peixe espada e atún vermello, entre outras especies.

 

  • O representante da Xunta confirmou –a preguntas do deputado popular- que as comunidades autónomas non tiñan coñecemento do contido –nos seus estritos termos- da recomendación emitida pola AESAN  e que o Estado non elaborou ningún tipo de estudo respecto do impacto económico que esta decisión podería provocar como consecuencia do previsible comportamento dos consumidores rexeitando estes produtos.

 

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, reclamou a dimisión da Ministra de Sanidade, a socialista Leire Pajín, pola alarma inxustificada e o dano ao sector pesqueiro provocado pola axencia estatal que recomendou non consumir, entre outros, peixe espada e atún. Balseiro fixo estas declaracións na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia que tivo lugar está mañá onde se debatía unha pregunta parlamentaria dirixida á Xunta e na que se interesaba polas informacións que dispoñía respecto da recomendación feita pública pola Axencia Estatal de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN).

En respostas ás preguntas do voceiro popular o director xeral de xestión da Saúde Pública, Manuel Antonio Varela, confirmou que as comunidades autónomas non tiñan coñecemento do contido da recomendación emitida pola AESAN –nos seus estritos termos- e que non teñen constancia tampouco de que o Estado elaborara ningún tipo de estudo respecto do impacto económico que esta decisión podería causar no sector marítimo pesqueiro, como consecuencia do previsible comportamento dos consumidores rexeitando estes produtos. É máis a actuais recomendación adóptase en virtude dun informe que data do ano 2004 y dunhas notas do ano 2008, datas moi pretéritas que amosan a imprudencia coa que actuou o Ministerio.

Balseiro dixo que o Grupo Parlamentario Popular coincide co  sector en que a recomendación da AESAN aconsellando que  nin os nenos nin as embarazadas consuman peixe espada, deu lugar a graves consecuencias sobre a actividade pesqueira e comercial destes produtos, de xeito especial en Galicia, onde a flota que captura peixe espada é moi numerosa. E  lamentou que o procedemento seguido polo Ministerio –sen as explicacións e aclaracións pertinentes- provocara unha alarma inxustificada entre os consumidores. En opinión do voceiro do Mar do Grupo Popular o Goberno do Estado faltou ao principio de prudencia que debe inspirar este tipo de accións e sinalou que aínda están á espera dunha rectificación por parte do Ministerio que, de non producirse, xustifica a petición de dimisión da Ministra Leire Pajín.