A Mariña lucense

O 31 de xullo do ano 2008 o Consello da Xunta bipartita, a proposta da conselleira nacionalista de Vivenda, Teresa Táboas, deixaba sen efecto o cinto industrial no contorno de Alcoa

A incoherencia do BNG lévalles a reclamar en Morás (Xove) o proxecto que boicotearon desde a Xunta bipartita

  • Os nacionalistas anularon 250.000 metros cadrados de solo industrial destinados ás empresas que operarían desde o dique norte unha vez aberto ao tráfico comercial xeral.
  • A chegada do PP á responsabilidade de goberno en Galicia supuxo a recuperación deste proxecto que agora forma parte da planificación estratéxica de solo industrial da Xunta.
  • Os populares consideran o cambio de postura dos nacionalistas ou unha rectificación aos erros cometidos polo BNG na Xunta ou un acto de propaganda política que dá mostra da incoherencia e do pouco de fiar que son na bloque nacionalista.

O Partido Popular da Mariña puxo de relevo a incoherencia do BNG que lles leva a reclamar mañá en Morás (Xove) o mesmo proxecto que boicotearon cando gobernaron desde a Xunta bipartita. “Pouco ou ningún sentido ten “facer o paripé” de manifestarse para defender a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Morás, se despois non se permiten instalar ao seu redor empresas que poidan operar desde esta nova dársena. E precisamente o BNG foi quen, no pasado, anulou o cinto industrial entorno a Alcoa”.

Os populares lembran que o 31 de xullo do ano 2008 –en pleno verán e con aleivosía- o Consello da Xunta bipartita adoptaba unha decisión, a proposta da conselleira nacionalista de Vivenda, Teresa Táboas, que botaba por terra todos os esforzos dirixidos a aproveitar o potencial do dique norte de Morás como unha nova dársena aberta ao tráfico comercio xeral. Socialistas e nacionalistas, desde a Xunta, acordaban deixar sen efecto o Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia que no seu día elaborara o Goberno Fraga e con el, o cinto industrial no contorno de Alcoa.

A XUNTA ACTUAL RECUPEROU O PROXECTO

De xeito afortunado, esta decisión mudouse coa chegada do PP á responsabilidade de Goberno na Xunta xa que o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo decidiu recuperar este proxecto (18/02/2010) e incluír de novo o cinto industrial entorno a Alcoa dentro da planificación estratéxica de solo empresarial da Xunta. Deste xeito o Goberno galego reserva 250.000 metros cadrado de solo industrial nos concellos de Xove e Cervo para que, nun futuro, poidan ser empregados por empresas que se situaran nestes espazos.

RECTIFICACIÓN OU PROPAGANDA NACIONALISTA

Desde o Partido Popular da Mariña entenden que ou ben estamos ante unha “rectificación” do BNG que “consciente do erro cometido nos seus anos de goberno, censura aos seus compañeiros en Santiago” ou ben asistimos “a un acto sen máis de propaganda política –preelectoral- que dá mostra da incoherencia dos nacionalistas e do pouco de fiar que son nesta formación política”.

IMPULSO DOS POPULARES

En todo caso desde o PP animan aos nacionalistas a sumarse “ao bo camiño, tamén despois do 20N” e a que apoien ao Goberno galego nas múltiples iniciativas que está a desenvolver neste ámbito. Así lembran que a Xunta ademais de proxectar solo industrial coa recuperación do proxecto de cinto entorno a Alcoa –como acabamos de explicar- sufragou o informe de viabilidade que Portos de Galicia elaborou para a apertura ao tráfico comercial do dique norte de Alcoa, e promoveu o acordo parlamentario –unánime- instando a Fomento a negociar coa multinacional do aluminio o aproveitamento conxunto deste dique. En definitiva “pasos cara adiante, feitos reais, para contar cunha autoridade portuaria propia”.