Opinión

 

 << A Deputación debe rectificar no seu castigo a Cervo>>

 

 O Goberno bipartito da Deputación de Lugo parece esquecer que esta institución naceu para axudar aos concellos. Unha e outra vez, na pasada lexislatura e na actual, os seus dirixentes amosan unha obsesión permanente por castigar ao Concello de Cervo e, deste xeito, ao conxunto das súas veciñas e veciños.

As deputacións provincias están chamadas a desempeñar un papel primordial en apoio dos concellos máis pequenos. Son ademais unhas institucións que ben xestionadas poden axudar aos municipios a combater a actual crise económica con maior eficacia, xa que teñen por obxecto completar e mellorar os servizos municipais e garantir unha distribución igualitaria e ordenada das posibilidades e recursos públicos.

Apesares de ser moi claros estes principios, o actual Goberno bipartito da Deputación de Lugo parece esquecelos. Unha e outra vez, na pasada lexislatura e na actual, os seus dirixentes amosan unha obsesión permanente por castigar ao Concello de Cervo e, deste xeito, ao conxunto das súas veciñas e veciños.

A imposición dunha desproporcionada sanción –de 20.000 euros-, pola incorrecta colocación duns postes de iluminación pública nas inmediacións dunha estrada provincial, que foron retirados en tempo e forma –tras efectuarse os requirimentos-, dan boa mostra dun comportamento por parte da Deputación lucense moi imprudente, moi prexudicial e guiado polo sectarismo político máis atroz.

Ninguén ten a culpa que a vicepresidenta segunda provincial, a súa vez candidata do PSOE de Cervo, resulte derrotada unha e outra vez en cada proceso electoral. Ninguén debe pagar pola súa incapacidade para acadar a confianza dos seus veciños. Urxe que os socialistas asuman e respecten os resultados democráticos e deixen de empregar as administracións como instrumentos de confrontación, leccións ou castigos políticos.

Con todo o máis grave é que, chegado o momento, non sexan capaces de rectificar, asumindo a improcedencia da sanción. A tal punto de despropósito chega a cuestión que no pasado pleno  municipal o PSOE quedábase solo defendendo a multa, mentres que PP e BNG –socios de goberno no ente provincial- reclamaban o arquivo da sanción.

 O Goberno provincial lucense non pode seguir incorrendo nun comportamento inaceptable, que leva ao desprestixio da Deputación e a dubidar do seu desesperado afán recadatorio. Con todo, están a tempo de demostrar que as deputacións poden estar ao carón dos concellos e non son instrumentos para castigar inxunstamente aos seus veciños.