Autoridade portuaria lucense

Fomento perdeu unha oportunidade de ouro para converter en realidade esta vella aspiración dos veciños da Mariña e do conxunto da provincia

Blanco fixo oídos xordos ás reiteradas peticións das institucións galegas para crear a Autoridade Portuaria llucense

  • O candidato socialista desprezou os acordos promovidos no Parlamento galego, concellos e Deputación de Lugo.
  • Os populares sospeitan que nin tan sequera o Ministro negociou con Alcoa a  posibilidade de facer uso do dique  norte de
    Morás.
  • Cargos públicos do PP asumen o seu compromiso de defender esta reivindicación conscientes de que podería converterse  na verdadeira locomotora que impulse a economía e o emprego da Mariña.
  •  Insisten en que só Fomento pode adoptar decisións respecto da creación da autoridade portuaria que conta co visto e prace favorable da Xunta.

O candidato mariñán do Partido Popular ao Congreso dos Deputados, Jaime de Olano, acompañado polos parlamentarios autonómicos e deputados provinciais do PP e dos alcaldes dos concellos de Xove e Cervo acusou está mañá ao Ministro de Fomento, Jose Blanco, de facer “oídos xordos” ás reiteradas peticións  das institucións galegas para crear a Autoridade Portuaria lucense. Segundo explicou Jaime de Olano o candidato socialista “desprezou” todos e cada un dos acordos promovidos tanto no Parlamento de Galicia, como nos concellos e na Deputación de Lugo instando ao Executivo central a cumprir con esta reivindicación. “Jose Blanco nin tan sequera escoitou a voz dos seus veciños -aos que agora non terá problema en pedir o voto-, nin cumpriu coas institucións da súa terra, pese a que cada un destes acordos acadaron, no seu día, o apoio unánime de todos os partidos e axentes sociais da Mariña”.

BOICOT AS NEGOCIACIÓNS CON ALCOA

Jaime de Olano verbaliza tamén o que, segundo afirma, “é máis que unha sospeita”, isto é, que incluso o propio ministro de Fomento  nin tan sequera iniciou as negociacións oportunas coa empresa Alcoa para acordar a posibilidade de facer uso do dique norte de Morás -actualmente unha concesión exclusiva da multinacional do aluminio- e empregalo  como novo porto de mercadorías.

O candidato socialista “moitas veces dado a facer gala da súa concesión de lucense”, tería “boicoteado” desde a súa privilexiada posición como ministro de Fomento esta posibilidade e, polo tanto, “perdeu unha oportunidade de ouro para facer realidade esta vella aspiración dos seus veciños”.

FEITOS E COMPROMISO POPULAR

En contraposición co desprezo amosado polos socialistas lucenses, Jaime de Olano explicou que o PP sempre defendeu esta petición. “Así o fixo cando un Goberno popular, o que daquela presidía Jose  María Aznar  creou a provincia marítima de Lugo e así o está a facer o actual Executivo autonómico, liderado  por Alberto Núñez Feijóo, cando non só amosou a súa boa disposición á posta en marcha desta autoridade portuaria lucense, senón que incluso sufragou con fondos autonómicos o informe elaborado por Portos de Galicia que acredita a viabilidade técnica e económica de crear o novo  porto comercial empregando o dique de Morás”

Os cargos públicos populares “reiteran” o seu compromiso de defender esta reivindicación conscientes ademais de que tanto a autoridade portuaria como o novo porto comercial “poderían converterse na verdadeira locomotora que impulse a economía e o emprego da comarca mariñá, algo ao que non podemos nin queremos renunciar sobre todo nestes tempos de crise.”

COMPETENCIA DE FOMENTO

Finalmente, Jaime de Olano quixo “desenmascarar a confusión interesada que realiza o BNG na Mariña” e aclarou que “a única administración competente para crear a autoridade portuaria lucense e acadar a apertura do dique norte de Alcoa é o Ministerio de Fomento e, polo tanto, o goberno central”.

Nesta mesma liña condenou a postura “terxiversadora” dos nacionalistas que agora pretenden modificar a composición do actual consello de administración da autoridade portuaria Ferrol-San Ciprián aínda que “saben ben que este reparto está determinado por unha lei estatal na que a Xunta non é competente”

Jaime de Olano fixo un chamamento ao BNG para que “se deixe de polémicas estériles e sume forzas” para facer realidade a autoridade portuaria lucense aínda que amosou o seu “temor” a que detrás da posición pública dos “nacionalistas tan só exista electoralismo”. Nese senso  lembrou que, a diferenza dos “feitos” que acreditan o compromiso dos populares coa autoridade portuaria, o BNG cando gobernou “non só non  impulsou ningún tipo de iniciativa favorable, senón incluso anulou o cinto industrial Cervo-Xove que supón reservar o terreo necesario para que futuras empresas poidan instalarse e facer uso do futuro porto comercial de Morás”