PSOE: Freo ás infraestruturas da Mariña lucense

A credibilidade dos socialistas e o seu compromiso coa comarca da Mariña lucense están baixo mínimos e levaralles á derrota electoral

As mesmas promesas que onte fixo Blanco xa as escoitamos no pasado e á vista dos resultados foron flagrantes incumprimentos

  • O Ministro de Fomento comprometeu, en reiteradas ocasións e coincidindo con campañas electorais, a finalización da autovía do Cantábrico e o inicio do corredor.

O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, asegurou que as mesmas promesas que puidemos escoitar no día de onte a Jose Blanco na súa visita á Mariña lucense xa as fixo no pasado e, “á vista dos resultados, convertéronse en flagrantes incumprimentos”.

Balseiro Orol explicou que o ministro socialista de Fomento prometeu, en reiteradas ocasións -e case sempre coincidindo con períodos electorais- a inminente finalización da autovía do Cantábrico e o inicio do tramo estatal do corredor, dúas actuacións que, “en sete anos de goberno socialista non foron quen de levar adiante”. O dirixente popular lembra que ambas infraestruturas recibiron o impacto directo e decisivo dos recortes socialistas e a falta de respaldo orzamentario o que se materializou en enormes atrasos ou bloqueos na súa execución.

“A hemeroteca da boa mostra das falsas promesas do ministro e puidemos escoitarlle palabras similares ás de onte -dixo Balseiro-  tanto antes das eleccións municipais, como das europeas e ás autonómicas”. “En todas estas ocasións Blanco puxo data á finalización da autovía e en todas estas ocasións mentiu aos seus veciños”-explicou.

Jose Manuel Balseiro concluíu que a credibilidade dos socialistas e o seu compromiso coa comarca da Mariña lucense está baixo mínimos e que “xa ninguén pode crerse as falsas promesas do ministro lucense”. Desde o PP prognostican ademais que estas mentiras e a “desastrosa xestión dos sete últimos anos” levarán ao PSOE á derrota electoral.