Compromiso social

A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 9,5 MILLÓNS DE EUROS AO COMPLEMENTO EXTRAORDINARIO DE 206 EUROS QUE RECIBIRÁN 46.000 PENSIONISTAS

  • Os beneficiarios deste complemento percibirán a axuda antes de que remate o ano.
  • O compromiso do Goberno galego coas persoas en risco de exclusión non só se reflicte no mantemento deste complemento, senón que de cara a 2012 se incrementa a RISGA nun millón de euros e as AES en 100.000 euros.
  • O orzamento global destinado á inclusión aumentará en 2012 nun 1,5 por cento, de xeito que pasa dos 40,3 millóns aos 41 mill.

Preto de 46.000 galegos e galegas se beneficiarán dun complemento extraordinario de 206 euros grazas ao proxecto de decreto autorizado hoxe polo Consello da Xunta polo que se establecen estas axudas sociais correspondentes ao ano 2011 a favor das persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social (PNC), das que perciben o Fondo de Asistencia Social (FAS) e das que cobran o subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM). O Goberno galego destinará ao pagamento destes complementos extraordinarios máis de 9,5 millóns de euros.

A paga, que se aboará mediante un pagamento único antes do mes de xaneiro, será a favor de pensionistas de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva; de persoas anciás e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas periódicas individualizadas e das persoas que presentan unha minusvalidez e que son beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O Goberno galego cumpre así o seu compromiso de renovar este complemento, que os pensionistas de Galicia cobrarán antes do mes de xaneiro.

A partida destinada ao complemento das pensións non contributivas figura por primeira vez nos orzamentos de 2011 como “crédito ampliable”, polo que o orzamento se incrementará, de ser necesario, para dar cobertura a todo aquel que o necesite. Polo tanto, a Consellería de Traballo e Benestar garante que calquera persoa beneficiaria das pensións non contributivas recibirá este complemento sempre que cumpra cos requisitos recollidos na normativa.

Para os orzamentos de 2012 mantense a partida para este complemento extraordinario das pensións non contributivas e por segundo ano consecutivo figurará como crédito ampliable.

Para optar a estas axudas non é necesario que os beneficiarios presenten ningún tipo de solicitude nin facer ningún trámite adicional, xa que percibirán directamente o complemento extraordinario os que xa estean cobrando as pensións mencionadas. Así, na actualidade máis de 45.000 galegos e galegas se benefician das PNC, un total de 24 das FAS e preto de 700 do SGIM.

Para recibir estas axudas hai que cumprir dous requisitos: estar en situación de alta en nómina, é dicir, ser xa pensionista na data de entrada en vigor do decreto (o día seguinte da súa publicación no DOG) que autorizou hoxe a Xunta e ter a residencia habitual en Galicia. Deste xeito, o pagamento realizarase de oficio a todas as persoas beneficiarias que reúnan estes requisitos, para o cal se recorrerá á información contida na base de datos da Xunta de Galicia. O pagamento efectivo farase a través dunha transferencia bancaria na conta corrente onde as persoas beneficiarias teñan domiciliado o recibo ordinario da súa prestación.Incremento no orzamento de inclusión

Neste contexto de complexidade económica, a Consellería de Traballo e Benestar tamén aumentará a partida destinada á renda de integración social de Galicia (RISGA) de cara ao 2012, tal e como se recolle nos novos orzamentos. En concreto, o seu financiamento incrementarase nun 4,3 por cento. Así, a partida inicial pasará dos 22,7 millóns de euros de 2011 aos 23,7 de 2012.

Hai que ter en conta, ademais, que no ano 2012 a partida da RISGA volverá figurar, por segundo ano consecutivo e ao igual que sucede no complemento das pensións, como crédito ampliable. Isto quere dicir que queda establecido na lei que a partida inicial se incrementará en función das necesidade para dar cobertura a todo aquel que cumpra os requisitos.

O compromiso do Goberno galego coas persoas en risco de exclusión non se reflicte só no aumento da RISGA, senón que o orzamento global destinado á inclusión aumentará en 2012 nun 1,5 por cento, de xeito que pasa dos 40,3 millóns aos 41 millóns. Deste xeito, tamén se verá incrementado o orzamento destinado ás axudas de emerxencia social (AES) en 100.000 euros.