Feijóo, Barreiro e García Díez en Lugo

Cre que a recuperación do Ministerio de Agricultura comprometida polos populares pode axudar a mellorar o diálogo entre o Executivo estatal e as comunidades autónomas

  

Feijóo pedirá ao futuro Goberno consultar con Galicia cando acuda a Bruxelas para que sexa o vestiario das negociacións na UE sobre o lácteo e a pesca

  • Desbota que o sector gandeiro e pesqueiro pelexen en solitario e propón sumar solucións para a aplicación do contrato homologado, ou para as próximas reformas europeas nos sectores lácteo e pesqueiro
  • Critica que o Goberno das dúas últimas lexislaturas se desentendeu dos grandes problemas do sector primario, de forma especial nos dous ámbitos de maior relevancia para Galicia
  • Di que García Díez, coa súa experiencia nas Cortes, poderá acreditar que o Goberno socialista pensa que os problemas do sector lácteo e pesqueiro téñenos que pelexar en solitario os seus traballadores

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pedirá ao futuro Goberno consultar con Galicia cando acuda a Bruxelas para que a nosa Comunidade sexa o vestiario das negociacións na UE sobre o lácteo e a pesca e nos permita seguir sendo unha das grandes potencias agrarias e pesqueiras de Europa.

Así se expresaba o líder do PPdeG no acto de presentación do cabeza de lista de Lugo, Joaquín García Díez, onde engadía que hai moitas decisións que están pendentes e que o Goberno socialista preferiu non adoptar con respecto aos sectores produtivos e cómpre configurar unha estratexia nacional, no que se teñan en conta as necesidades das partes, para abordar as reformas da Política Agraria Común e da Política Común Pesqueira.

Así mesmo, dixo que era preciso que o espírito loitador das nosas xentes do campo e do mar volva ser imitado polos dirixentes políticos, como fixo Loyola ou como fai Joaquín.

En alusión a esta política, Feijóo lembrou cómo grazas á súa forza e valentía, Loyola conseguiu para España 550.000 toneladas de cota láctea que só uns poucos anos máis tarde se vería truncada ao renderse o Goberno socialista en Europa á desaparición do sistema de cota láctea.

O líder do PPdeG destacou o empuxe e interese de Loyola de Palacio nos sectores produtivos e comparouno co de Joaquín García Díez, que tamén comprende que o sector primario, e especialmente o galego, atesouraba un ímpeto enorme, poboado por mulleres e homes ansiosos de avanzar.

Ese capital humano, que superara historicamente todo tipo de dificultades, era para eles a demostración máis fehaciente de que había materia prima dabondo para ‘dar a batalla’.

Lamentablemente, como sinalou Feijóo, o Goberno das dúas últimas lexislaturas non deixará para a posteridade ningún exemplo similar porque, contrariamente, desentendeuse dos grandes problemas do sector primario, de forma especial nos dous ámbitos de maior relevancia para Galicia.

Así, no ámbito do sector lácteo caeuse, por exemplo, nunha alarmante indolencia respecto da falta de capacidade negociadora dos gandeiros galegos. O PSOE rexeitou unha proposta do grupo popular sobre a creación de organizacións de produtores como vehículo que lles dese forza para discutir condicións coas industrias; é dicir, que puidera negociar conxuntamente, en lugar de facelo de forma individual.

O presidente do PPdeG lembrou que tampouco cedeu á aplicación do contrato homologado, xa que condicionou a súa posta en marcha a unha instrución europea posterior, que aínda non entrou en marcha. Pese a que en Francia xa leva tempo en vigor unha lexislación similar, Galicia sigue vivindo no anacronismo de que un gandeiro non saiba canto vai cobrar cada mes.

No ámbito pesqueiro, doutra banda, nada se fixo para reverter o descenso de cotas que ten que afrontar a flota galega, moito máis débil agora que fai oito anos. Segundo Feijóo, Joaquín García Díez sábeo mellor que ninguén, porque el actuou estes últimos anos como voceiro de Pesca do Grupo Popular no Congreso.

Así, coa súa experiencia nas Cortes, poderá acreditar que o Goberno socialista recuperou esa filosofía que pensa que os problemas do sector lácteo e pesqueiro téñenos que pelexar en solitario os seus traballadores. O PP, ao contrario, quere sumar solucións.

Neste sentido, destacou a labor da Xunta neste ámbito co Plan Estratéxico para o sector lácteo e a posta en marcha dunha marca de calidade para o leite galego; ou a aprobación da Lei de Pesca e as axudas á comercialización son un exemplo diso.

Non obstante, recoñeceu que fai falta algo máis: que Galicia siga alzando a súa voz en Madrid e en Bruxelas, e que Madrid e Bruxelas se decidan a escoitala e amosouse convencido, neste senso, de que a recuperación do Ministerio de Agricultura comprometido polo Partido Popular será un instrumento moi positivo para conseguilo.