O PSOE sen credibilidade

O candidato socialista ao Congreso tivo a oportunidade levar adiante proxectos beneficiosos para A Mariña na súa condición de Ministro de Fomento pero non o fixo

Jose Blanco obrigado a repetir as mesmas promesas que xa escoitamos fai oito anos e que non cumpriu

  • Nin finalizou a autovía do Cantábrico, nin comprometeu a alta velocidade ferroviaria, nin creou a autoridade portuaria, “todas materias suspensas do ministro”.

O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, asegurou que no mitin que tivo lugar no día de onte en Ribadeo, Jose Blanco “viuse obrigado a repetir as mesmas promesas que xa todos escoitamos fai oito anos e que non cumpriu”. Balseiro lembra que o candidato socialista ao Congreso tivo a oportunidade de levar adiante moitos dos proxectos que agora volve a prometer -porque eran competencia directa do Ministerio de Fomento que el preside- e pese a iso non o fixo.

“Fai oito anos Blanco prometeu a finalización da autovía do Cantábrico. E puxo prazos. E oito anos despois segue sen rematarse esta obra. Prometeu poñer en marcha o AVE do Cantábrico, e non só non o fixo senón que incluso anulou os estudos que existían sobre esta nova rede ferroviaria. E tamén prometeu crear unha autoridade portuaria lucense, e pese a que Fomento é a administración que ten a competencia exclusiva para creala, tampouco cumpriu”.- explicou Balseiro.

O secretario xeral dos populares galegos di que os veciños da Mariña están cansos de escoitar unha e outra vez o “rosario de promesas repetidas” de Jose Blanco e ver como quedan en nada e que “isto da mostra da falta de credibilidade dun señor que despreza todo o que lle importa a esta comarca”.