Comisión de Pesca e Marisqueo 1.12.2011

O voceiro do Mar do Grupo Popular explicou que o compromiso de execución desta actuación foi ratificado polo propio Presidente da Xunta

O PARLAMENTO GALEGO RESPALDA UNHA INICIATIVA DE BALSEIRO PARA QUE PORTOS DE GALICIA INCLÚA UNHA PARTIDA PRESUPOSTARIA ESPECÍFICA PARA O DRAGADO INTEGRAL DAS DÁRSENAS DE FOZ 

  • O dragado pasará de ser unha promesa incumprida do Goberno bipartito a unha realidade en 2012 froito do esforzo inversor da actual Xunta de Galicia.
  • Esta actuación completará o dragado parcial executado o pasado  mes de marzo, por vía de urxencia, pola administración autonómica popular e evitará o risco de varada das embarcacións.
  • En época de bonanza socialistas e nacionalistas desde a Xunta bipartita non foron quen de levar adiante esta actuación pese a ser unha reivindicación constante do sector pesqueiro e marítimo-recreativo.

 

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a incorporar unha partida orzamentaria específica, en contía suficiente, para o dragado integral na localidade de Foz, de tal xeito que se garanta que as distintas embarcacións poidan efectuar con normalidade es manobras de atraque, entrada e saída da zona portuaria sen risco de varada” así reza literalmente o acordo acadado na mañá de hoxe no seo da Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega e defendido polo deputado popular Jose Manuel Balseiro quen foi o autor da iniciativa aprobada.

As tres forzas políticas do Parlamento (PP, PSOE e BNG) votaron favorablemente e fixeron posible o apoio unánime a este acordo que supón un mandato expreso ao ente público autonómico Portos de Galicia -dependente da Consellería do Mar- para que incorpore dentro das súas previsións orzamentarias unha consignación económica exclusiva “en cuantía suficiente” para facer realidade a execución deste proxecto o ano próximo.

COMPROMISO DIRECTO DE FEIJOO

Jose Manuel Balseiro explicou que o compromiso de execución desta actuación foi ratificado mesmo polo propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas visitas que efectuou á localidade de Foz e significou tamén que formaba parte das actuacións comprometidas no programa electoral do Partido Popular local. De feito os populares quixeron facerse eco dunha histórica reivindicación do sector pesqueiro e marítimo-recreativo desta localidade que alertaba ante as dificultades que se estaban a producir pola acumulación de sedimentos areosos nas distintas dársenas portuarias.

 INCUMPRIMENTO DO BIPARTITO, REALIDADE CO PP

 O deputado popular tamén quixo lembrar que socialistas e nacionalistas pese a mostrarse favorables “agora” a executar esta actuación, non foron quen de levala adiante na pasada lexislatura “pese a telo prometido e ainda que daquela gozaban dunha época de bonanza, sen as dificultades actuais propias dos axustes orzamentarios”. Balseiro salientou que “o dragado integral en Foz grazas a este mandato pasará de ser unha promesa incumprida do anterior Goberno bipartito a unha realidade que disporá de consignación orzamentaria expresa froito do esforzo inversor da actual Xunta de Galicia”.

COMPLETARÁ O DRAGADO PARCIAL DO MES DE MARZO

O dragado integral das dársenas porturias de Foz completará o dragado parcial executado en vía de urxencia pola administración autonómica popular o pasado mes de marzo. Daquela Portos de Galicia retirou parte dos depósitos areosos que se acumulaban na zona. Con todo, o dragado integral permitirá desterrar todo risco de varada de embarcacións e facilitará que se recupere a normalidade duns espazos portuarios chamados a converterse no futuro no corazón da vila de Foz, unha vez que se desenvolvan distintas actuacións de posta en valor dos mesmos.