Opinión – Cervo

<< Partidismo por riba dos veciños >>

 

Un dos erros máis graves nos que pode incorrer un político é o de carecer dun criterio claro e actuar dando bandanzos á hora de tomar posición nun asunto que afecta aos seus veciños.  Aqueles que así se comportan perden a súa credibilidade, e amosan unha falta de coherencia e improvisación que os converte en políticos pouco fiables ante os seus votantes.

Un claro exemplo deste comportamento é no que teñen incorrido os edís da oposición en Cervo. PSOE e BNG votaron de xeito distinto e contraditorio no pleno municipal deste concello e no pleno da Deputación cando se abordaba un idéntico asunto: a anulación da sanción de 20 mil euros que a Deputación impón aos cervenses pola colocación duns postes eléctricos nunha vía provincial.

Non é a primeira vez que Lara Méndez e Xoán Antón Estúa e os partidos dos que forman parte amosan que están dispostos a antepoñer intereses partidistas aos intereses do conxunto dos seus veciños. Pero si é unha das situacións nas que esta falta de criterio fai un maior dano ao conxunto dos cervenses aos que prometeron defender.

Tanto se o PSOE ou o BNG foran coherentes co seu voto no pleno municipal, esta desproporcionada sanción coa que a Deputación persegue e castiga aos petos dos veciños de Cervo quedaría sen ningún efecto. De absterse Lara Méndez, como fixo en Cervo, os votos do PP -forza maioritaria na Deputación de Lugo- serían suficientes para reparar esta inxustiza. Pero decidiu cambiar o seu sentido de voto aínda en prexuízo dos seus veciños. Se o BNG votara en contra da sanción, como fixo en Cervo, sumados aos votos do PP obrigarían ao presidente da Deputación e poñer fin esta sanción inxusta.

 Se xa é complicado entender como a Deputación insiste en manter unha sanción que non vén a conto moito máis que PSOE e BNG renuncien a defender aos seus veciños e cambien de postura segundo estean no salón de plenos da Deputación en Lugo ou no do Concello de Cervo.