Emprego

O encontro serviu para escoitar as súas propostas e para amosar o apoio do Partido Popular a estas persoas que pasan por un momento laboral e persoal moi difícil

Os populares mantiveron un encontro cos traballadores de Muebles Hermida para darlles conta da posición que defenderán no pleno de mañá

  • A emenda do Grupo Parlamentario Popular foi ben acollida polos traballadores que asistiron á xuntanza.

Mariña lucense, 13 de decembro de 2011.- Unha delegación do Partido Popular composta polos deputados Jose Manuel Balseiro e Emma Álvarez, o alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra e a portavoz popular en Mondoñedo, Elena Candia, mantivo un encontro no día de onte cos 75 traballadores afectados polo ERE (expediente de regulación de emprego) da empresa Muebles Hermida.

Nesta xuntanza os representantes populares quixeron escoitar e mostrar o seu apoio a estas persoas que están a pasar por un momento laboral e persoal moi difícil así como tamén presentarlles a emenda que o Grupo Popular rexistrou para o seu debate na sesión plenaria que terá lugar mañá no Parlamento de Galicia e na que se abordará a situación desta empresa radicada na Mariña central.

A emenda que defenderán os populares -que foi ben acollida polos traballadores que asistiron á xuntanza- pide ao Goberno galego que tramite o ERE presentado por Muebles Hermida estrictamente de acordo coa legalidade e a normativa vixente, así como tamén que poña en marcha os mecanismos necesarios para que, no suposto de que teñan lugar despedimentos, os trabalaldores afectados poidan acceder o máis axiña posible ás distintas políticas activas de emprego, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e a súa reincorporación ao mercado laboral.

A iniciativa popular tamén demanda da Xunta, nun terceiro punto, a posta en marcha das medidas necesarias encamiñadas á recuperación produtiva e á creación de novas oportunidades laborais na comarca da Mariña lucense central, e nomeadamente nos concellos de Mondoñedo e Lourenzá.

Os populares tamén quixeron poñer a disposición dos traballadores afectados polo ERE unha trintena de pases para presenciar desde a tribuna de convidados o debate parlamentario desta iniciativa. Invitación que esperan esperan teña boa acollida.