Deportes

José Ramón Lete Lasa asinou esta mañá os patrocinios, que beneficiarán a 10 equipos da provincia

A Secretaría Xeral para o Deporte patrocina equipos de alta competición da Mariña

 

 

Lugo, 21 de decembro de 2011.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou hoxe os patrocinios con 10 clubs de alta competición da provincia de Lugo, aos que a Xunta destinará máis de 360.000 euros.

En concreto, as adxudicacións de patrocinios asinadas hoxe beneficiarán a: Club de Baloncesto Breogán S.A.D., Porta XI Club de Baloncesto, Club Peluquería Mixta de Friol (fútbol), Club Deportivo Lugo (fútbol), Prone Lugo, Asociación Deportiva (fútbol sala), C.D. Burela Fútbol Sala feminino, C.D. Burela Fútbol Sala masculino, Agrupación Deportiva A Pinguela de Monforte (voleibol), Club Emevé masculino (voleibol) e Club Emevé feminino (voleibol).

Promocionar o deporte de alta competición en Galicia
Os patrocinios asinados hoxe enmárcanse no Plan da Secretaría Xeral para o Deporte para a tempada 2011/2012, que está dotado con máis de 2 millóns de euros e beneficiará a un total de 65 clubs da comunidade.

O Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia é unha iniciativa da Fundación Deporte Galego que se desenvolve por terceiro ano consecutivo e conta cun dobre obxectivo: por unha banda, difundir a actividade e a imaxe fundacional e da Comunidade Autónoma, e, por outra, a promoción do deporte de alta competición en Galicia.

A Fundación Deporte Galego considera que, a indubidable popularidade que acompaña a xogadores e técnicos destes equipos, convérteos en interesantes líderes de opinión sobre todo entre a poboación infantil e xuvenil á hora de emprender campañas institucionais de fomento do deporte e dos hábitos saudables, algo esencial para complementar o Plan Galicia Saudable, programa estratéxico no ámbito deportivo para os próximos anos. Un plan que está permitindo incorporar á base social galega a actividade física, de xeito que a súa concorrencia sexa percibida como necesaria e ineludible.

Fases e beneficiarios do plan

Este Plan de patrocinios constará de dúas fases: unha primeira, relativa aos clubs en sistema de ligar regular, incluídos no Grupo 1, e unha segunda fase, que se iniciará nos primeiros meses de 2012, relativa aos clubs incluídos no Grupo 2 e correspondente a aqueles cuxa competición máis relevante aínda non comezou.

O requisito para ser beneficiario deste Plan de patrocinios é, no caso do Grupo 1, contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel nas modalidades deportivas en que a competición de máximo nivel se desenvolve, na categoría absoluta, en sistema de liga regular á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría e cun volume de desprazamentos frecuente.

No caso do Grupo 2, os beneficiarios serán as entidades máis relevantes da súa modalidade, atendendo a criterios de participación e resultados obtidos, en modalidades nas que a competición máis relevante non se desenvolve en sistemas de liga regular, de xeito que non teñen que participar en diferentes encontros deportivos ao longo do ano para participar na competición deportiva oficial máis relevante do seu deporte