Cerámica de Sargadelos

Así o explicaron desde a Consellería de Economía e Industria ao deputado popular Jose Manuel Balseiro, quen se interesou pola materialización do conxunto axuda comprometida pola administración autonómica

O IGAPE DA LUZ VERDE Á EXECUCIÓN DA TOTALIDADE DA AXUDA COMPROMETIDA Á CÉRÁMICA DE SARGADELOS

  • As achegas do Goberno galego superan a contía global dun millón de euros destinados a apoiar a expansión comercial desta empresa e a reforzar o seu plan de viabilidade.

Santiago, 22 de decembro de 2011.- O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) vén de dar luz verde á execución da totalidade da axuda comprometida para apoiar o plan de expansión comercial da industria cerámica de Sargadelos. Así o explicaron desde a Consellería de Economía e Industria ao deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol quen se interesou polos trámites pendentes para a materialización da totalidade dos fondos comprometidos pola administración autonómica en apoio desta compañía de gran importancia no ámbito cultural e cerámico galego .

A axuda comprometida con Sargadelos -que ascende a unha contía global dun millón de euros- está a executarse a través de dúas vías: 400.000 euros a fondo perdido e 600.000 euros a través dun préstamo participativo de Xesgalicia, sociedade dependente do Instituto de Promoción Económica.

As axudas teñen como destino o respaldo ao plan de expansión comercial da compañía, para permitir un incremento das vendas segundo un proxecto avalado técnica e economicamente polo IGAPE. Chegan despois do acordo alcanzado o ano pasado para a posta en marcha dun novo plan de viabilidade desta compañía, que inclúe a redución de xornada pactada entre empresa e traballadores.

Balseiro Orol sinalou que a Xunta de Galicia segue a manter un compromiso firme con esta importantísima industria galega, tanto no ámbito cultural como cerámico, tal e coma o ven facendo dende o primeiro momento.