Melloras sanitarias

En xullo de 2010 a Xunta converteu a esta localidade lucense en base permanente dunha das 11 ambulancias medicalizadas que hai en Galicia 

A AMBULANCIA MEDICALIZADA EN FOZ GARANTE A ASISTENCIA SANITARIA URXENTE E ESPECIALIZADA EN HORARIO NOCTURNO E DURANTE AS 24 HORAS DO DÍA

  •  Balseiro lembra que o PP fixo realidade a dotación desta nova ambulancia que o bipartito prometeu, pero que nunca cumpriron
  •  Non comprenden como PSOE e BNG defendían no pasado que pola noite Foz contara só cunha ambulancia asistenicial, mentres que agora critican que o servizo estea cuberto coa medicalizada

 Intervención de Jose Manuel Balseiro na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia 3/02/2011:

Santiago, 3 de febreiro de 2012.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe, durante a súa intervención na Comisión de  Sanidade do Parlamento de Galicia, o “enorme paso positivo” que supuxo para o conxunto da comarca da Mariña lucense que o Goberno galego decidira situar na localidade de Foz a base permanente dunha das 11 ambulancias medicalizadas que hai en toda Galicia.

Balseiro lembrou que, deste xeito, o Goberno da Xunta cumpría un compromiso pendente cos veciños deste concello mariñán que, ata o momento, estaban cansos de recibir promesas que nunca se facían realidade. Neste senso repasou os reiterados incumprimentos do bipartito de PSOE e BNG que prometían situar en Foz unha ambulancia medicalizada e nunca o fixeron mentres gobernaron.  Pola contra, o Partido Popular dotou a este concello, en xullo de 2010,  desta ambulancia máis completa que conta cun aparataxe técnico máis complexo e que leva consigo un médico o que supón unha mellora substancial na atención das emerxencias e no transporte sanitario urxente da Mariña

 REORGANIZACIÓN DO SERVIZO

O deputado popular explicou que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo destinou un investimento  próximo ao millón de euros, entre os gastos de mantemento deste servizo e as reformas que foron preciso executar no Centro de Saúde para adaptar parte das súas estancias como base permanente desta ambulancia.

Balseiro tamén indicou que unha vez que a Xunta decidiu manter a ambulancia medicalizada en Foz -de xeito permenente e continuo- procedeuse a unha reorganización do servizo de transporte médico que operaba na comarca da Mariña, realizando un reparto dos recursos máis equilibrado e eficiente. Ata ese momento en horario nocturno e en Foz operaban dúas ambulancias, a medicalizada e outra asistencial e, tendo en conta a carga de traballo nese horario decidiuse que fora só a medicalizada quen prestase a asistencia pola noite. O resto das quendas mantivéronse.

COBERTURA PERFECTA

Balseiro non comprende as críticas de PSOE e BNG “que estaban tan contentos cando Foz tan só tiña unha ambulancia asistencial pola noite, mentres que agora critican que a actual Xunta garanta o servizo en horario nocturno cunha ambulancia moito mellor e máis completa: a medicalizada”. Sinala que, sobre todo nestes momentos, hai que evitar que existan recursos ociosos e defendeu que a Mariña lucense está perfectamente cuberta de noite coas catro ambulancias coas que conta, e coa medicalizada.

Finalmente insistiu en que, como veciño e residente na Mariña, é o primeiro interesado en que os servizos de emerxencia funcionen correctamente e con calidade, e sinalou que por eso defende a reorganización das ambulancias que levou a cabo a Xunta, porque a asistencia médica hoxe é moito máis completa coa posta en marcha da nova ambulancia medicalizada que outros prometeron pero que tivo que ser o PP quen a puxo en marcha.