Portos en Galicia

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular defende unha maior posta a disposición dos intereses de Galicia do conxunto das autoridade portuarias galegas

 BALSEIRO OROL PREGUNTA SOBRE AS MEDIDAS DE COORDINACIÓN DOS PORTOS GALEGOS QUE TEN PREVISTO IMPULSAR A XUNTA

  •  En Galicia hai 122 portos de titularidade autonómica e 6 portos de interese xeral xestionados polo Ministerio de Fomento a través das autoridades portuarias.

    A Mariña, 7 de febreiro de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defende unha maior posta a disposición dos intereses de Galicia do conxunto das dársenas portuarias galegas e con ese obxectivo rexistrou unha iniciativa parlamentaria para preguntar sobre as medidas que ten previsto impulsar a Xunta de Galicia para coordinar o funcionamento e estratexias de todos os portos sitos na nosa comunidade.

    Balseiro explicou que ao longo dos seus 1.720 quilómetros de costa, Galicia conta con 128 portos. Deles, a Xunta, a través do ente público Portos de Galicia, adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, xestiona directamente 122. Os outros 6, de maior dimensión e de interese xeral do Estado, dependen do Ministerio de Fomento e son xestionados por cinco Autoridades Portuarias: Vigo, Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-San Ciprián.

     MAIOR AXILIDADE NA ADMINISTRACIÓN

    O voceiro do Mar dos populares galegos quere coñecer os mecanismos que ten previsto impulsar o Goberno da Xunta para dotar de maior axilidade á administración dos portos galegos e eliminar as barreiras burocráticas que implica a súa xestión diferenciada.

    De feito, Balseiro defende a coordinación do global do sistema portuario galego de tal xeito que dársenas de titularidade autonómica e estatal  traballen nunha mesma dirección para facer máis competitiva a oferta galega. Trátase en definitiva de competir xuntos de cara ao exterior e evitar a autocompetencia interna, mirando sempre a posibilidade de ofrecer mellores respostas ás necesidades e intereses dos usuarios dos portos.

    Balseiro quixo salientar tamén que pese a situarnos nun contexto moi influído pola situación xeral de crise, o balance da actividade portuaria dá lugar a entender que gozan de boa saúde. O voceiro popular sinala, por exemplo, que tres portos galegos de titularidade estatal, máis en concreto os de Ferrol-San Ciprián, Marín-Ría de Pontevedra e A Coruña, rexistraron taxas de rendibilidade por riba media (en relación aos seus fondos propios). Neste balance positivo hai que engadir tamén o incremento dos tráficos totais dos últimos semestres nestes portos.