Opinión

<< Tirar o peixe ao lixo >>

O Goberno bipartito provincial prefire tirar o peixe ao lixo, ou devolver peixe morto ao mar, antes de sumar a súa colaboración coa Xunta para que estes alimentos poidan ser aproveitados nos comedores sociais e cociñas económicas da nosa provincia.  

 O Goberno bipartito da Deputación de Lugo vén de converterse en protagonista dun dos feitos máis deshonrosos e infames desde o punto de vista político que forman parte da actualidade destes días. Isto é así despois de que, na última sesión plenaria da institución provincial, socialistas e nacionalistas rexeitaran colaborar coa Xunta de Galicia na posta en marcha dun novo sistema de distribución de peixe e marisco entre os comedores sociais e cociñas económicas da nosa provincia.

O Partido Popular, tanto no Parlamento galego como na Deputación  lucense, promovía unha iniciativa para que as distintas administracións uniran os seus esforzos de cara a colaborar con estas institucións benéficas que se encargan de algo tan básico como proporcionar un prato de comida para aquelas persoas que, polas súas circunstancias económicas, se vén na necesidade de acudir a estes comedores sociais.

Desde o PP conscientes da actual situación económica -que non provocamos nós, pero que si ten moito que ver coa nefasta xestión de socialistas e nacionalistas desde as súas anteriores responsabilidades de goberno- quixemos promover dun xeito construtivo esta iniciativa cun claro obxectivo: aproveitar o peixe e marisco procedente dos comisos aos furtivos e dos descartes pesqueiros, e destinalo a estes comedores sociais.

Ata o momento o peixe e marisco requisado aos furtivos era distribuídos, en exclusiva, entre as entidades benéficas dos concellos do litoral. A nosa proposta buscaba que a Deputación colaborase coa Xunta para ampliar o número de beneficiarios e que tamén puideran chegar non só aos concellos da costa senón tamén aos comedores sociais e cociñas económicas que hai no interior, no conxunto da provincia. Ao mesmo tempo, o PP pedía a implicación da Xunta e Deputación para sumar a estes produtos requisados os procedentes dos descartes pesqueiros, isto é, aqueles peixes e mariscos que aparece nas redes e aparellos dos nosos barcos pero que teñen que ser devoltos ao mar cando se ten superado o límite de capturas permitidas.

Co seu comportamento socialistas e nacionalistas están a dar mostra non só dun elevado grado de sectarismo político -incapaces de aprobar as iniciativas polo simple feito de que as propón o PP- pero tamén, o que aínda é máis grave, poñen de relevo a súa total insensibilidade fronte a todas aquelas persoas que están a pasalo mal, como consecuencia da actual situación de crise. O Goberno bipartito provincial prefire tirar o peixe ao lixo, ou devolver peixe morto ao mar, antes de sumar a súa colaboración coa Xunta para que estes alimentos poidan ser aproveitados nos comedores sociais e cociñas económicas da nosa provincia. Así de claro. Así de triste.

Jose Manuel Balseiro Orol Voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular