OPINIÓN: Festa do Ourizo

<< Inconfundible sabor a mar >>

 

Cervenses, turistas e visitantes, estamos citados en San Ciprián, este sábado, na súa Festa do Ourizo, convidados a probar este produto, procedente das augas da Mariña, agora que está en todo o seu esplendor e preparado polas valiosas mans dos cociñeiros locais

Marzo e abril son os meses principais nos que nas nosas costas ten lugar a captura do ourizo mariño, un produto que, de recibir escasa atención gastronómica, pasou a significar unha exquisitez moi valorada por aqueles que entenden da boa cociña.

Cervenses, turistas e visitantes, estamos citados en San Ciprián, este sábado, na súa Festa do Ourizo, convidados a probar este produto, procedente das augas da Mariña, agora que está en todo o seu esplendor e preparado polas valiosas mans dos cociñeiros locais.

Falamos dunha celebración que naceu como unha idea do propio pobo, por e para o pobo, destinada a enxalzar este equinodermo e que ano tras ano foi gañando peso en convocatoria e en calidade, ata conformar unha festa de prestixio que foi declarada de Interese Turístico Galego no 2008.

Neste impulso á nosa festa, teño que lembrar e recoñecer o  papel e contribución dos autores desa primeira idea, e o feito de que foran os propios veciños quen a promoveran, pois aquilo que nace do pobo sempre ten éxito.

Desde as administracións estamos obrigados a prestar colaboración, a sumar os nosos esforzos a aquelas boas ideas que xurdiron do pobo. Así por exemplo, estase a visualizar o apoio decidido da Xunta de Galicia. Mostra evidente disto é que, as últimas edicións concitaron a presenza da Conselleira do Mar e do titular do departamento de Cultura do actual goberno galego.

 A Festa do Ourizo está a converterse, por méritos propios, na cita gastronómica máis tradicional do municipio e a única deste tipo, na que se exalta un produto alimentario, que conta con esta distinción que outorga a Xunta.

Pero tamén é xusto significar que moito deste éxito é froito do elevado grado de implicación da veciñanza desde a súa orixe, ata na integración do produto exaltado nos hábitos culinarios da zona. Posto que a vila de San Ciprián está a ser, desde tempo inmemorial, un punto de extracción do ourizo de mar.

Unha festa que é espazo e destino común do esforzo conxunto dos hostaleiros, da Confraría de pescadores, … pero que ademais debe moito a todas as persoas que acoden atraídos por un dos produtos máis tradicionais das nosas augas salgadas.

Estamos convidados sempre a gozar da excelente calidade do ourizo, do seu inconfundible sabor a mar. Este sábado tamén, todos temos unha boa escusa para coñecer a riqueza gastronómica, paisaxística e cultura do pobo de San Ciprián, desta Península que presume con razóns e moitos  méritos.

 

 

Jose Manuel Balseiro Orol