Plan de recuperación do Ourizo

Trátase dun proxecto solicitado por varias confrarías do norte de Galicia, principalmente da provincia de Lugo: Ribadeo, Foz, Burela, Celeiro e O Vicedo

A XUNTA CONFIRMA EN RESPOSTA A JOSE MANUEL BALSEIRO QUE IMPULSARÁ O PLAN DE REXENERACIÓN DO OURIZO MARIÑO COA COLABORACIÓN DE CINCO CONFRARÍAS LUCENSES

  • O departamento autonómico explica que o obxectivo deste plan é poñer en marcha accións plurianuais para rexenerar os bancos naturais e garatir deste xeito a sustentabilidade dos mesmos, incrementar os ingresos dos profesionais e o ofrecemento de posibilidade reais de emprego ás novas xeracións.

Santiago, 29 de marzo de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar confirma, a través dunha resposta escrita ao deputado popular Jose Manuel Balseiro a intención de impulsar o proxecto de rexeneración do ourizo de mar (paracentrotus lividus) nas rías Altas galegas e, polo tanto, na costa norte das provincias de Lugo e da Coruña.

Segundo explica o departamento autonómico que dirixe Rosa Quintana no seu escrito oficial -dirixido ao voceiro do Mar dos populares galegos- o obxectivo deste plan “é poñer en marcha accións plurianuais para rexenerar os bancos naturais e garatir deste xeito a sustentabilidade dos mesmos”. A Xunta busca tamén a través deste proxecto “incrementar os ingresos dos profesionais” que que traballan na captura desta especie mariña, así como no “ofrecemento de posibilidade reais de emprego ás novas xeracións”.

O parlamentario popular tiña rexistrado unha pregunta parlamentaria sobre o desenvolvemento do plan de rexeneración do ourizo do mar, despois de que diversos informes científicos manexados pola administración autonómica confirmaran as súas sospeitas. Xa que logo a decisión do anterior Goberno bipartito de permitir a extracción de ourizo aos afeccionados, así como o cambio e inclusión de novas fórmulas de explotación (mergullo), provocara un impacto negativo neste recurso e contribuíera a súa escaseza, prexudicando dun xeito evidente aos profesionais que participan nas campañas de captura do ourizo.

CINCO CONFRARÍAS

Na súa resposta a Consellería de Medio Rural e Mar sinala que o proxecto vese favorecido polo interese común das confrarías e agrupacións de mariscadoras desta zona. De feito a solicitude do mesmo a efectuan varios pósitos do norte de Galicia, principalmente da provincia de Lugo: Ribadeo, Foz (Agrupación de mariscadoras de San Cosme de Barreiros), Burela, Celeiro e O Vicedo, aos que hai que sumar a confraría coruñesa de Espasante.

A administración autonómica indica tamén que o Centro de Cultivos e Investigacións Mariñas de Ribadeo (CIMA) e o Minicriadeiro do Vicedo colaborarán neste proxecto. O ente autonómico adicado á investigación mariña comprométese a achegar semente e ao asesoramento científico-técnico que demandes as entidades. Ademáis as propias asistencias técnicas das confrarías traballarán en conxunto para poder levar a cabo este proxecto.

SEIS FASES

A Consellería do Mar explica a Jose Manuel Balseiro que son seis as accións previstas no proxecto: 1º Selección dos bancos sobre os que se pretende actuar, segundo criterios de estado do recurso, accesibilidade, interese polo sector e condicións óptivas para a especie, 2º Mostraxes previas á rexeneración, 3º Obtención de semente: O CIMA de Ribadeo subministrará a semente e a súa vez as entidades colaborarán na obtención de proxenitores e na recollida de macroalgas para a alimentación dos mesmos, 4º Sementeiras: Nas zonas elixidas para a rexeneración sementarase seguindo unha metodoloxía común a todas as zonas. 5º Fase de seguimento: farase a través de mostraxes semestrais para a monitorización da evoluciónn das poboacións, seguindo o protocolo de mostraxe establecido. 6º Instalación dunha estrutura de preengorde: De acordo coa evolución esperada na produción de semente e como continuación do proxecto incial, prevese a instalación dunha plataforma flotante de preengorde como etapa intermedia entre a produción de semente no criadeiro e a sementeira no medio natural. Isto favorecerá a adaptación da semente ao medio mariño e a súa viabilidade.