Comisión de Pesca 03/04/2012

Jose Manuel Balseiro lembra que os nacionalistas chegan tarde coa súa intención de acadar a transferencia dos centros de investigación oceanográfica situados na nosa comunidade

O BNG CAE NO ABSURDO DE SOLICITAR A TRANSFERENCIA DUNHA COMPETENCIA QUE A XUNTA XA RECLAMOU AO ESTADO FAI MÁIS DE DOUS ANOS

 

  • Os nacionalistas non quixeron aceptar unha emenda que en sentido construtivo propuxo o Grupo Popular e na que simplemente cambiaban unha palabra: “Negociar” se substituía por “continuar as negociacións”
  •  O deputado popular di que o actual Goberno galego está comprometido no avance do autogoberno a diferenza do que aconteceu durante o bipartito e en contraste co inmobilismo do anterior Executivo socialista en Madrid.

  

Santiago, 04 de abril de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, rexeitou no día de hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia unha iniciativa do BNG a través da que os nacioalistas “caían no absurdo” de pedir á Xunta que solicitara ao Estado a transferencia dunha competencia “que o actual Goberno galego xa reclamou fai hoxe máis de dous anos”.

O BNG defendía que a Xunta asumira todos os centros de investigación oceanográfica que son competencia do Estado pero que teñen a súa sede na nosa comunidade. Jose Manuel Balseiro lembrou que esta petición xa formou parte das competencias solicitadas e negociadas co Goberno central no ano 2010 e que a devandita solicitude “segue plenamente vixente”.

 Feita esta aclaración os populares propoñían unha emenda en sentido construtivo na que simplemente “cambiaban unha palabra” na proposta de acordo. O termo “negociar co Estado” se substituía por “continuar as negociacións co Estado” xa que estas xa se tiñan iniciadas. Pero a proposta atopuse coa instransixencia dos nacioalistas que se negaron a aceptar a emenda e, polo tanto, obrigaron ao voto en contra do Partido Popular.

 AVANZAR EN AUTOGOBERNO

 O actual Goberno da Xunta e o Partido Popular entenden que sería positivo que unha comunidade coa importancia que na nosa ten o sector pesqueiro dispuxera das máximas competencias na xestión, organización e planificación da investigación mariña.

 Jose Manuel Balseiro sinalou que o Partido Popular “aposta polo autogoberno de Galicia desde o máximo respecto á Constitución e ao Estatuto de Autonomía”, ao entender que a xestión directa de moitas competencias e en diversos ámbitos permite acadar importantes progresos. No ámbito específico da investigación mariña, dispoñer desta competencía, permitiría axeitar os proxectos a desenvolver coas prioridades do sector marítimo-pesqueiro galego.

 O BNG CHEGA TARDE

 Balseiro dixo que os nacionalistas coa súa petición estean amosar “xa non só que van pola hora portuguesa, senón incluso con dous anos de atraso respecto da acción da Xunta” e  insistiu na improcedencia de adoptar un acordo parlamentario sobre algo que xa forma parte das peticións e negociacións entre Xunta e Estado.

 O voceiro do Mar dos populares galegos foi moi crítico co BNG ao que lembrou que tanto durante o Goberno bipartito como despois, durante os anos nos que os nacionalistas teñen sido “socios preferentes” dos Executivos socialistas en Madrid, non foron quen de acadar esta competencia, nin tan sequera de acordarse dela. Pola contra manifestou a súa esperanza en que, o cambio de Goberno en España, tras a victoria do PP, sirva para avanzar e desbloquear as negociacións sobre autogoberno, sobre todo en ámbito como o da investigación mariña onde hai fundamentos dabondo para reclamala.