Debate sobre Alcoa no Pleno do Parlamento

O deputado popular sinala que un prezo competitivo da electricidade ofrecerá garantías de viabilidade para estas industrias estratéxicas na economía e no emprego de Galicia

BALSEIRO DEFENDE A REVISIÓN “Á BAIXA” DAS TARIFAS ELÉCTRICAS DAS GRANDES EMPRESAS CONSUMIDORES DE ENERXÍA COMO ALCOA

  • O Estado vese na obriga de deseñar unha nova política enerxética despois do que os Gobernos do PSOE multiplicaran por 17 o déficit na tarifa eléctrica, que hoxe supera os 24 mil millóns de euros.
  • O deputado popular pide á Xunta que interceda ante o Estado para que se restableza o servizo de xestión de interrumpibiliade da demanda, polo que Alcoa recibe un desconto na súa tarifa.

 

Declaracións de Balseiro:

 

Santiago, 09 de abril de 2012.-  O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro defende a revisión á baixa das tarifas eléctricas que teñen que asumir empresas como Alcoa cuxos custes de produción dependen en gran medida do gasto en electricidade. Son os denominados “grandes consumidores de enerxía” que ata o momento -por motivos diversos- se estaban a ver beneficiados de significativas reducións na súa factura.

Os máis de 24 mil millóns de euros de déficit tarifario na electricidade que o PSOE deixou tras dúas lexislaturas no Goberno obrigan ao actual Executivo central a deseñar unha nova política enerxética e, entre elas, á revisión das tarifas eléctricas que pagan empresas como Alcoa. Desde o PP defenden que malia que son conscientes do desmesurado déficit herdado do PSOE -que multiplicou por 17 a súa contía nos últimos oito anos- “a nova política enerxética non pode ser un factor que poña en risco o futuro de empresas da importancia que en Galicia ten Alcoa”.

Jose Manuel Balseiro sinala que un prezo competitivo da electricidade ofrecerá garantías de viabilidade para industrias como a multinacional do aluminio que, polas súas características, son consideradas estratéxicas dentro do conxunto da economía e no emprego de Galicia

 PROPOSTA DO GRUPO POPULAR

 O deputado popular defenderá no Pleno do Parlamento unha iniciativa (en forma de emenda) na que pide á Xunta que se dirixe ao Goberno central para que as tarifas de acceso para os grandes consumidores de enerxía inclúan “só e exclusivamente os custes asociados ás redes e aos de operación do sistema” -eliminado polo tanto outros gastos como ás primas ás compañías eléctricas, ao carbón, a compensación do déficit tarifario- así como tamén que se restableza o servizo de xestión de interrumpibiliade da demanda, polo que os grandes consumidores recibían un desconto na súa factura.

 Jose Manuel Balseiro di que a Xunta de Galicia xa deu conta ao Ministerio de Industria de varias propostas ao obxecto de contribuír no redeseño do mapa enerxético do noso país e lembrou que o propio Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, solicítoulle a Jose Manuel Soria “o máximo interese” e as “medidas precisas” para conseguir que Alcoa siga en Galicia mantendo “os niveis de emprego actuais”

 APOIOS Á COMPETITIVIDADE DE ALCOA

 Balseiro Orol lembra que só desde a chegada do Partido Popular á responsabilidade de goberno na Xunta a administración autonómica ten mobilizados catro millóns de euros en axudas e convenios de apoio á Alcoa para a mellora da súa eficiencia enerxética (plan de gasificación) e para contribuír a facer máis competitivos os custes de explotación desta factoría.

 O deputado popular subliña o firme apoio do Goberno galego aos centros de traballo que Alcoa ten en San Ciprián (Lugo) e A Coruña, e sinala como compromiso prioritario o mantemento dos máis de 2.500 postos de traballo directos e indirectos que xera a compañía na nosa comunidade.