Axuda no fogar

 Veiga intentou enganar aos 66 alcaldes lucenses cando lles ocultou que se negou a  acudir ás reunións coa Consellería de Traballo e Benestar pese a ser citado en tres ocasións

O PPdeLugo presentará mocións nos 66 concellos esixíndolle á Deputación que financie a parte que lle corresponde por Lei do servizo de axuda no fogar 

  •  Os populares instan ao Antón Veiga a que cumpra coa lei que BNG e PSOE aprobaron durante o bipartito da Xunta.
  • A Deputación terá que achegar o 10% do custe total destes servizos municipais mentres que a Xunta seguirá financiando o 90%.

Audios:

Lugo, a  4 de maio de 2012.- O Secretario da Mesa do parlamento e do PP en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da portavoz popular na Deputación, Elena Candia, anunciaron esta mañá -en rolda de prensa- que o PP presentará mocións municipais nos 66 concellos da provincia esixíndolle á Deputación lucense que financie a parte que lle corresponde por lei no tocante aos servizos municipais de axuda no fogar.

 

Os populares clarexaron que cumprir a Lei aprobada polo bipartito suporía que a Deputación terá que achegar o 10% do custe total dos servizos de axuda no fogar e a Xunta o 90% restante, polo que está claro que  a administración autonómica está a efectuar un maior apoio para a continuidade desta prestación social.

 

De calquera xeito os dirixentes populares consideran incomprensible que Antón Veiga pretenda converterse en “insumiso” dunha lei “que eles mesmos aprobaron durante o Goberno bipartito da Xunta -daquela, foi votada favorablemente por BNG e PSOE-”. Balseiro e Candia significaron que os nacionalistas terán que explicar “cando nos enganaron: cando aprobaron unha lei na que logo resulta que non cren e que hoxe se están a negar a aplicar, ou agora, cando están mentindo aos usuarios facéndoos crer que se va a perder este servizo”

Iniciativa no Parlamento

Os dirixentes populares tamén criticaron a falta de seriedade, a irresponsabilidade e a pasividade do Vicepresidente da Deputación que, segundo explicaron, “intentou enganar aos 67 alcaldes lucenses cando lles ocultou que se negou a  acudir ás reunións coa Consellería de Traballo e Benestar pese a ser citado en tres ocasións”.

 

De feito Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que a Xunta corrobore as citacións a Antón Veiga e os posteriores plantóns do dirixente nacionalista “que cara a galería di estar moi preocupado polo tema, e cando chega a hora da verdade non dá a cara”.

 

“Adícase a todo menos ao que se ten que adicar. Ao señor Veiga citóuselle ata en tres ocasións (27/01, 10/02, 25/04) para un encontro coa Conselleira de Traballo e Benestar Social. Non se presentou nunca. Citóuselle hoxe mesmo para unha xuntanza coa Secretaria de Política Social, a tampouco se presentou”-clarexou Balseiro.

 

Candia e Balseiro lembraron, que agora máis  ca nunca, debido a mala época económica que estamos a vivir, deberá reforzarse a necesaria colaboración e coordinación entre Xunta e a Deputación, e para iso é imprescindible que o Ente provincial achegue o financiamento do servizo de axuda no fogar básico (para persoas non dependentes) dos servizos sociais municipais naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

 O PP insta a Deputación a que deixe de enganar aos cidadáns, de xerar alertas na poboación e que cumpran o Decreto e a Lei que eles mesmos aprobaron.