Rehabilitación de vivendas

A Mariña lucense conta con catro concellos nos que están declaradas áreas de rehabilitación:  Lourenzá (ARI Casaco Antigo), Mondoñedo (Casco  Histórico e barrios históricos de S. Lázaro e Os Muiños),  Ribadeo (ARI Casco Histórico da Vila e Núcleo de Rinlo) e Viveiro (Casco Histórico)

BALSEIRO ASEGURA QUE A XUNTA TRIPLICOU AS ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN DE VIVENDAS REALIZADAS POLO ANTERIOR BIPARTITO EN TODA A LEXISLATURA

  • O deputado popular rexistrou unha pregunta parlamentaria para coñecer as actuacións concretas desenvolvidas na Mariña lucense e impulsadas pola Xunta de Galicia e as que teñen previsto executarse no futuro.
  •  Balseiro animou ao actual Goberno galego a “afondar máis neste tipo de programas de rehabilitación, porque son fundamentais para fixar poboación no rural e manter o noso patrimonio arquitectónico

A Mariña, 12 de maio de 2012.- O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, asegurou hoxe que o actual Goberno galego xa triplicou as actuacións de rehabilitación de vivendas levadas a cabo no  conxunto da comunidade en comparación co anterior Goberno bipartito. Galicia é -segundo explicou Balseiro- “a comunidade autónoma pioneira en materia de rehabilitación e recuperación con máis de 10.600 actuacións proxectadas dende o ano 1996 que se traduciron nun investimento de preto de 200 millóns de euros”.

Balseiro gabou o esforzo inversor da Xunta nesta materia e adiantou que, co obxecto de coñecer os proxectos concretos impulsados na Mariña lucense, vén de rexistrar unha iniciativa na Cámara galega na que interpelará aos responsables da Xunta sobre cantas foron as actuacións de rehabilitación executadas nesta comarca e a canto ascendeu o investimento achegado para as distintas actuacións executadas nesta zona.

ÁREAS DE REHABILITACIÓN

No caso da Mariña de Lugo as zonas nas que se está a traballar en materia de rehabilitación correspóndense cos catro concellos nos que están declaradas as respectivas áreas de actuación: Lourenzá (ARI Casaco Antigo), Mondoñedo (Casco  Histórico e barrios históricos de S. Lázaro e Os Muiños),  Ribadeo (ARI Casco Histórico da Vila e Núcleo de Rinlo) e Viveiro (Casco Histórico)

A maiores, nas últimas datas o Goberno galego vén de anunciar a decisión de reforzar aínda máis a súa aposta pola rehabilitación cun novo investimento de 34 millóns de euros para 2.500 novas actuacións nas áreas de rehabilitación integral dos concellos galegos, o que supón un incremento do 37% do investimento con respecto ao Plan de Rehabilitación do exercicio 2011.  Balseiro quere conocer, e inclúe tamén unha pregunta neste sentido, cantos destes proxectos serán executados na Mariña lucense.

FIXAR POBOACIÓN E MANTER O PATRIMONIO

O parlamentario mariñán subliñou que, “coa actual situación económica que estamos a vivir, é máis importante que nunca falar de rehabilitación de vivendas”. De feito, salientou a importancia destas actuacións, que non so permiten mellorar de forma substancial as condicións de vida dun importante número de familias galegas senón que facilita a permanencia da poboación residente en zonas, como os cascos históricos das cidades ou as zonas rurais dalgúns municipios, que doutra maneira poderían verse despoboados en favor doutras zonas residencias. Ademais disto a rehabilitación contribúe, segundo explicou Balseiro, a manter o noso patrimonio arquitectónico.

Por todos estes motivos, o deputado mariñán animou ao actual Goberno galego a “afondar máis neste tipo de programas de rehabilitación, e lembrou que “o PP está a demostrar que é capaz de facer programas axeitados á realidade galega e non elucubracións e proxectos ineficaces como o anterior bipartito”.