Iniciativa parlamentaria

O acordo que aprobe a Cámara trasladarase ao Consello Galego de Pesca para a súa análise e consideración á hora de emitir a opinión conxunta do sector marítimo-pesqueiro e acuícola galego ante este transcendental debate

O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NO PLENO DO PARLAMENTO A CONFORMACIÓN DUNHA PROPOSTA DE PAÍS EN DEFENSA DOS INTERESES DO SECTOR PESQUEIRO GALEGO ANTE A REFORMA DA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN

  • Jose Manuel Balseiro lamenta que o acordo non fora posible no seo do Grupo de Traballo constituído pola Consellería do Medio Rural e do Mar e os tres grupos parlamentarios, -fundamentalmente pola intransixencia e falta de interese do BNG- pero adianta a importancia de trasladar a Bruxelas unha posición firme e unitaria.

 

Santiago, 26 de maio de 2012.- O Grupo Parlamentario Popular, a través do seu portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha proposición non de lei para o seu debate urxente no Pleno da Cámara autonómica dirixida a conformar unha  proposta galega, ante a inminente reforma da Política Pesqueira Común e a determinar a estratexia a seguir para trasladar a Bruxelas as actuacións que se consideren importantes na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego. A iniciativa popular pide á Cámara galega que asuma como propia a proposta de ditame que recolle os principais puntos abordados nas xuntanzas do grupo de traballo que a Consellería de Medio Rural e do Mar constituíu xunto cos tres grupos parlamentarios.

Os populares piden que unha vez aprobado este texto no Pleno do Parlamento se dea traslado do mesmo ao Consello Galego de Pesca -máximo órgano consultivo do sector na nosa comunidade e no que están representados todos os ámbitos e axentes protagonistas do sector do mundo do mar- para a súa análise e consideración á hora de emitir a opinión conxunta do sector marítimo – pesqueiro e acuícola galego.

Balseiro Orol explicou, en definitiva, que a intención do PPdeG é que Galicia acuda diante das institucións comunitarias “cunha soa voz, firme e unitaria, do mesmo xeito que se fixo para o Libro Verde”, no que “todos os subsectores da pesca cederon un pouco do seu para gañar en conxunto” e amosou a súa confianza na capacidade de Galicia para elaborar un documento consensuado.

INTRANSIXENCIA NACIONALISTA

A intención inicial do Grupo Parlamentario Popular e da propia Xunta era que o ditame xurdira tamén dunha proposta conxunta das tres forzas políticas parlamentarias. Pero a intransixencia do BNG, que incluso demoraba a achega das súas propostas no marco do Grupo de Traballo parlamentario, obrigou aos populares a presentar como propio este ditame, que agora poderá ser mellorado, no seu caso, tanto no trámite parlamentario como tras a análise que del fagan no Consello Galego de Pesca.

Jose Manuel Balseiro lamentou que os nacionalistas foran un obstáculo para acadar un acordo, aínda a pesar de que estaban dispostos a asumir máis do 90% do ditame e sinalou que desde o primeiro momento “tivemos a impresión de que os nacionalistas non quería chegar a ningún tipo de acordo, pese a importancia que este debate ten para o futuro dos profesionais do mar en Galicia”.

Balseiro tamén indicou que esta posición intransixentes dos nacionalistas levou ao PSOE a negarse a asinar un documento que deixaba en evidencia a soidade do BNG, pero “agardamos e non descartamos a posibilidade de chegar a acordos cos socialistas durante o debate plenario”

PROPOSTAS DE GALICIA

O ditame sinala que de aprobarse a proposta de reforma da Política Pesqueira Común que trasladou a todos os Estados membros a Comisión Europea, suporía dar carta de natureza a asuntos claramente lesivos para Galicia. “Neste senso, son paradigmáticos aspectos coma a mantenza da estabilidade relativa (que discrimina clara, seria e inxustamente a Galicia), a determinación de aplicación de criterios técnicos coma o alcance do RMS en 2015 ou a consolidación dun modelo de xestión, o de TAC e cotas, que non responde a un sistema eficaz de regulamento do estado dos recursos, de control sinxelo e de adecuación a novas propostas coma a de minoración e eliminación de descartes.

Como alternativa da proposta comunitaria os populares defenden múltiples aspectos como son: o necesario equilibrio dos aspectos social, económico e da sustentabilidade ambiental nos aspectos que recolla a futura normativa, a flexibilización do obxectivo de Rendemento Máximo Sostible, a articulación de medidas de axuda e apoio nas políticas de minoración de descartes, a introdución das concesións de pesca transferibles, a derrogación da estabilidade relativa, unha política de adecuación dos niveis de flota,  o reforzo do papel dos Consellos Consultivos Rexionais, a mellora do fondo europeo de pesca e da estrutura de mercados pesqueiros e a  identificación e recoñecemento das especificidades da flota costeira artesanal e do marisqueo galego.