Impulso á maternidade

As proxeccións actuais son preocupantes xa que se prevé que en 40 anos –no ano 2051- Galicia teña menos poboación da que tiña no ano 1900

O PP DE LUGO SALIENTA A IMPORTANCIA QUE PARA O FUTURO DA PROVINCIA TERÁ O PLAN DA XUNTA PARA A DINAMIZACIÓN DEMOGRÁFICA

  • O Goberno galego contempla impulsar 50 medidas para fixar poboación entre as que se atopan incentivos fiscais para a natalidade, reforzo de apoios económicos segundo o número de fillos; a promoción de tarifas de tipo social nas empresas; a creación de novas prazas de escolas infantís ou o impulso da conciliación nos sectores público e privado

 

Lugo, 31 de xullo de 2012.- O Partido Popular de Lugo, salientou a importancia que para o futuro da provincia de Lugo terá o plan da Xunta de Galicia para a dinamización demográfica.

Os populares explicaron que os integrantes do Goberno galego son “conscientes e sensibles” ante a problemática actual de perda de poboación e envellecemento do censo, e nese senso contemplan “impulsar 50 medidas para fixar poboación, garantir o relevo xeneracional e incentivar a natalidade”.

APOIO Á MATERNIDADE

No ámbito do impulso social e económico á maternidade e á paternidade propóñense medidas como reforzar os apoios económicos vinculados ao nacemento e crianza dos fillos, segundo o número de membros da unidade familiar. Tamén se abordan medidas como a axilización dos trámites de adopción internacional, o impulso de medidas de apoio familiar no entorno laboral como ás excedencias ou redución de xornadas; ou campañas de sensibilización no comercio para que apliquen tarifas de tipo social ou distintas bonificacións ás familias –non só ás numerosas-.

A segunda área céntrase na potenciacion dos recursos de apoio ás familias con nenos pequenos, como son a creación de novas prazas de escolas infantís, co obxectivo de acadar a cobertura de prazas públicas do 33 por cento recomendada pola Unión Europea. Ata o de agora, xa se crearon 2.400 prazas no que vai de lexislatura, e ese esforzo continuará coa planificación prevista. Para esta área de intervención, tamén se recollen outras medidas como o fomento da racionalización dos horarios dos centros de atención (isto é, axustar os horarios ás demandas reais das familias); ou a diversificación de servizos prestados á infancia, estudando actuacións como as casas nido no rural, ou a asistencia á domicilio para á infancia. Ademais, estudarase promover medidas para favorecer o acceso á vivenda e aos transportes das familias.

O último núcleo de intervención aborda a coordinación entre as distintas administracións, tamén desde o punto de vista normativo, con fórmulas como por exemplo o establecemento da promoción do crecemento demográfico como criterio positivo de valoración nas convocatorias das axudas de Xunta, concellos e deputacións.

MENOS NENOS, MÁIS PERSOAS MAIORES

As últimas estatísticas oficias amosan como a inemnsa maioría dos concellos da nosa provincia perden poboación –especialmente no interior- e como cada vez hai un maior número de espazos rurais sen habitar. As proxeccións actuais que manexa o Goberno galego son preocupantes no sentido de que se prevé que en 40 anos –no 2051- a nosa comunidade teña menos poboación da que tiña no ano 1900.

Desde o PP lucense enmarcan esta circunstancia no contexto económico xeral de crise “que repercute negativamente na natalidade, posto que moitas familias deciden esperar a ter fillos” e sinala como especialmente acertado desenvolver desde xa unha estratexia de intervención para frear esta tendencia.

UN SAÚDO.-