Dous modelos de goberno

O secretario xeral dos populares lucenses asegura que o PP é o único partido que ofrece á cidadanía unidade, compromiso coa xestión e un proxecto serio e maioritario capaz de consolidar unha Galicia de primeira

O PP EMPRAZA AOS LUCENSES A FUXIR DO MODELO DO BIPARTITO NA DEPUTACIÓN Á HORA DE ELIXIR O NOVO GOBERNO DA XUNTA

  • Balseiro lembralle a Santín que PSOE e BNG son sinónimos de dobre gasto, de malgasto, e que si quere falar de gobernos caros aínda teñen por explicar como é posible que só os membros da executiva socialista a soldo da Deputación custen 1.700 euros diarios a todos os lucenses.
  • Contrapón ao derroche do bipartito a xestión responsable, austera e rigorosa de Feijóo, que permitiu situar a Galicia en mellor posición e garantir, en tempos de dificultade, os compromisos sociais e en infraestruturas, como o novo hospital da Lugo ou a estrada Lugo-Monforte

Declaracións:

Lugo, 28 de agosto de 2012.- O secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro emprazou aos veciños da provincia a fuxir do modelo do bipartito na Deputación de Lugo á hora de elixir o novo Goberno da Xunta e sinalou que o PP é o único partido que ofrece á cidadanía “unidade, compromiso coa xestión e un proxecto serio e maioritario”.

Balseiro dixo que o PP na provincia de Lugo “está en marcha, preparado, para seguir ofrecendo un equipo forte e consolidado que continúe apoiando ao presidente Feijóo na súa tarefa de consolidar unha Galicia de primeira, moderna e activa, que mira de igual a igual ao resto de territorios e que é referente de xestión eficiente nun tempo complexo”.

BIPARTITO= MALGASTO

Pola contra, o secretario xeral dos populares lucenses lembrou que as siglas PSOE e BNG son sinónimo “de división interna, de bigobernos descoordinados e desconfiados, son sinónimo de dobre gasto e de malgasto”.
De feito Balseiro quixo lembrarlle ao PSOE que se queren falar de gobernos que “saen caros” aínda teñen que explicar como é posible que só os membros da executiva socialista a soldo da Deputación de Lugo custen 1.700 euros diarios a todos os lucenses, “máis de 310.000 das antigas pesetas por cada día laborable”.

“O señor Juan Carlos González Santín, secretario de organización do PSOE, é o menos indicado para dar leccións a ninguén do caro que pode saír un goberno. Porque precisamente el está a vivir a cargo de todos os lucenses e a soldo da Deputación, nun posto de asesor nomeado a dedo, polo que percibe un mínimo de 50.657,30 euros”.

Balseiro afonda nesta cuestión e ofrece un dato significativo que da imaxe do que supón un bipartito socialista e nacionalista: Preto do 40% da nova executiva provincial socialista esta a soldo da Deputación de Lugo. Isto implica que só en cómputo anual os lucenses teñen que ver como se destinan 400.000 euros de fondos públicos procedentes dos orzamentos da Deputación para pagar “aos comisarios políticos do PSOE aos que habería que sumar o gasto da área nacionalista do goberno, coa que acontece exactamente o mesmo”.

“En Lugo sabemos de primeira man, porque estamos a velo na Deputación de Lugo que a fórmula do bipartito é un modelo negativo e fracasado” –asegurou Balseiro- “Non só porque son incapaces de ofrecer un proxecto unitario, senón porque ademais na súa obsesión por repartirse o poder o os despachos acaban convertendo as institucións nas que goberna o bipartito nunha axencia de colocación dos seus correlixionarios detraendo cartos públicos que sobre todo nestes tempos de dificultade deberían destinarse a outros servizos moito máis urxentes e prioritarios”

DERROCHE FRONTE A RESPONSABILIDADE

Finalmente Balseiro sinalou que fronte ao bipartito do derroche está o modelo de goberno que levou adiante Feijóo nesta lexislatura que remata, caracterizado pola responsabilidade, austeridade e o rigor na súa xestión, que permitiu situar a Galicia en mellor posición que o resto das comunidades españolas e garantir, en tempos de dificultade, os compromisos sociais e en infraestruturas, como por exemplo nomeou o novo hospital da Lugo ou a estrada de conexión da capital lucense con Monforte.