A Mariña gaña con Feijóo

O secretario xeral dos populares lucenses defende a xestión da Xunta na Mariña dado que multiplicou por dous o compromiso inversor con respecto ao último goberno bipartito autonómico

O PP di que Besteiro non é o máis indicado para dar leccións e pide que explique os recortes impostos pola Deputación

  • Negativa á ampliación do Museo provincial do Mar, insuficientes axudas ás confrarías, negativa a apoiar os servizos sociais, entre os principais recortes do Executivo que preside Gómez Besteiro aos que hai que sumar a mala xestión en materia de desbroce e conservación da rede viaria provincial.

 

Audio:

Lugo, 29 de agosto de 2012.- O secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro Orol dixo hoxe que Jose Ramón Gómez Besteiro non é a persoa máis indicada para dar ningún tipo de lección en materia de xestión das administracións públicas e esixiulle que explique os recortes que está a impoñer o goberno bipartito que el preside desde a Deputación de Lugo na Mariña lucense.

 A XUNTA MULTIPLICOU POR DOUS O COMPROMISO INVERSOR

 Balseiro asegurou que fronte o compromiso inversor da Xunta, materializado nun incremento do 50% nos orzamentos destinados á Mariña de Lugo, a Deputación está a ser protagonista de importantes recortes en áreas tan sensibles como os servizos sociais, culturais ou o no apoio aos sectores estratéxicos da comarca como pode ser o da pesca.

O dirixente popular lembra que mentres que no 2012 a Xunta achega 35,7 millóns de euros para obras ou servizos con destino concreto na nosa comarca, os últimos presupostos elaborados polos socialistas e nacionalistas -en 2009- só eran de 14,9 millóns de euros, menos da metade.

DIME DO QUE PRESUMES E DIREI DO QUE CARECES

O Goberno bipartito que preside Jose Ramón Gómez Besteiro “presume de boa xestión, nun intento de alarde propagandístico”, pero cando chega a hora da verdade vemos como é incapaz de acometer os seus compromisos máis básicos: Non acomete a ampliación do único museo provincial da Mariña, o do Mar de San Ciprián, que está ao límite da súa capacidade, recorta as subvencións dirixidas ás confrarías de pescadores, ás que destina menos do 0,19% do total de orzamentos da Deputación, e nega o apoio aos servizos sociais municipais.

 A todos estes recortes Balseiro engade dous feitos obxectivos máis que amosan a falta de compromiso da Deputación coa Mariña: a desastrosa xestión dos desbroces e a falta das obras mínimas de mantemento na rede viaria provincial que fan que estas estradas -importantísimas para a conexión interna dos concellos da Mariña- presenten cun aspecto lamentable e incluso por tramos, impracticable e de alto risco para a seguridade viaria de vehículos e peóns.

 “O que parece mentira é que tendo o PSOE dous deputados provinciais pola Mariña no Goberno bipartito provincial, e un máis do BNG sexa unha administración que despreza dun xeito tan evidente esta comarca” dixo Balseiro dando conta da falta de compromiso dos representantes do goberno lucense con esta terra.

 A XUNTA CUMPRE COA MARIÑA

Fronte aos recortes do bipartito, a Xunta materializou os seus apoios á Mariña lucense na lexislatura autonómica que remata con múltiples investimentos  entre os que citou, a modo de exemplo, os achegados para a ampliación e dragado do porto comercial de Mirasol en Ribadeo, o inicio e finalización das obras que o bipartito tiña pendentes no Hospital da Costa e as melloras na tecnoloxía médica introducidas ou o desbloqueo do corredor da costa… todas elas infraestruturas paralizadas polo bipartito cando gobernou a Xunta e impulsadas agora polo actual Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo.