Opinión

<<Apoio inequívoco aos traballadores de Alcoa>>

 

As palabras do presidente da Xunta deixando claro que o goberno galego non dará “nin un paso atrás” no apoio “inequívoco” á supervivencia da factoría que a multinacional Alcoa ten na Mariña e confirmando que o executivo autonómico “loitará por cada un dos postos de traballo” que xera esa fábrica, resumen o compromiso do Partido Popular diante da situación na que nos atopamos.

 

Onte mesmo estaba prevista unha xuntanza do presidente de Alcoa España co Ministro de Industria, Jose Manuel Soria, logo da reunión previa mantida polo membro do executivo nacional co presidente provincial do PP, Jose Manuel Barreiro. Nos últimos meses multiplícanse os contactos a todos os niveis, e desde todas as administracións, na procura da continuidade dunha empresa que é o motor económico e laboral da Mariña.

 Con todo, nun asunto da transcendencia do que estamos a falar cómpre ser cautos, actuar con seriedade e rigorosidade e deixar de lado a política partidista para unirse entorno ao obxectivo común: que prosperen favorablemente as negociacións en torno a unha futura tarifa eléctrica máis competitiva. Unha negociación complexa que agrupa ás eléctricas, ao Goberno nacional e ás compañías grandes consumidores de enerxía.

 Certo que o que pedimos é difícil en tempos de precampaña, sobre todo para algunhas forzas políticas que tan só saben facer oposición en base a xerar unha e outra vez alarma. Pero a cidadanía debe saber que o futuro de Alcoa hoxe non estaría en entredito, se non fora porque precisamente nos últimos anos do goberno socialista en Madrid, coa complicidade do BNG, deixaron 24.000 millóns de euros de débeda só no sector eléctrico. Nos temos a obriga, a responsabilidade e o compromiso de solucionar as moitas dificultades que outros nos deixaron.