Deputación permanente

“Tócalle ao Partido Popular resolver o problema acontecido froito da nefasta xestión dun goberno -o do Partido Socialista- e dun socio conformista -o BNG- que permitiron a eliminación da tarifa bonificada G-4 e que se acumularan 24 mil millóns de euros en déficit tarifario eléctrico” segundo o deputado do PPdeG

BALSEIRO: “A XUNTA É A PRINCIPAL ALIADA DOS TRABALLADORES DE ALCOA E DA CONTINUIDADE DESTA EMPRESA QUE DEBE SER ASEGURADA”

  • As administracións xestionadas polo PP traballan nunha solución neste sentido: impulsando os proxectos de gasificación que o bipartito deixou paralizados para reducir a dependencia da enerxía, manter a bonificación na tarifa eléctrica por interrumpibilidade e presionar ás eléctricas para que non fagan pagar a Alcoa a mala xestión do PSOE

–Primeira intervención de Balseiro:

–Segunda intervención de Balseiro:

Santiago, 2 de outubro de 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro asegurou hoxe no transcurso da xuntanza da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia que “a Xunta está do lado das reivindicación dos traballadores da empresa Alcoa, da súa continuidade e que esta continuidade debe ser asegurada”.

Balseiro Orol lembrou e reafirmouse nas palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que non darán “nin un paso atrás no apoio inequívoco a estes traballadores”, e repasou as distintas xestións que está a desenvolver o Goberno galego neste ámbito.

XESTIÓNS DA XUNTA

Así, por exemplo, Balseiro explicou que o Partido Popular impulsou o desbloqueo dos proxectos de gasificación “que o bipartito deixou nos caixóns”, dirixidos a reducir a dependencia de enerxía eléctrica; logrou -a través das xestións do Presidente da Xunta- que o Ministerio de Industria decidira manter a bonificación na tarifa eléctrica por concepto de interrumpibilidade para empresas como Alcoa que son grandes consumidores de enerxía -un desconto estimado en máis de 550 millóns de euros- e está a realizar presións ante as compañías eléctricas para que non fagan pagar a Alcoa a mala xestión do PSOE.

De feito, Jose Manuel Balseiro foi moi crítico co PSOE a quen lle acusou “de ser o principal responsable de poñer en risco a continuidade desta compañía en España”. O deputado popular dixo que “agora tócalle ao Partido Popular resolver o problema acontecido froito da nefasta xestión dun goberno -o do Partido Socialista- e dun socio conformista -o BNG- que permitiron a eliminación da tarifa bonificada G-4 e que se acumularan 24 mil millóns de euros en déficit tarifario eléctrico”.

Balseiro lembrou que foi o PSOE -sendo ministro o socialista Miguel Sebastián – quen fixo desaparecer unha tarifa con desconto da que se beneficiaban compañías como Alcoa -a denominada G4- e quen intermediou coas eléctricas para negociar a tarifa actualmente vixente por un prazo moi reducido que caducará o 31 de decembro. Con todo a súa contribución máis negativa foi ser responsable de que se disparara o déficit tarifario, que se multiplicou por 17 durante a lexislatura do PSOE e Madrid, pasando dos 1.500 aos 24.000 millóns de euros “un pufo que condiciona en negativo a nova negociación coas eléctricas”

Finalmente Balseiro dixo que a visita que hoxe realiza ás plantas de Alcoa en Galicia o ministro de Industria, José Manuel Soria, é resultado da intermediación do presidente da Xunta, “quen se ocupa e lle preocupa este tema”, e sinalou o compromiso claro do Executivo galego e central coa continuidade das factorías da Coruña e San Ciprián.