Melloras no Hospital da Costa

Sanidade ten avanzada a redacción do novo plan funcional que determinará as necesidades futuras do hospital e as melloras a incorporar no centro

 Rocio Mosquera confirma as palabras do Presidente da Xunta “a próxima lexislatura será a da ampliación do Hospital da Costa”

  • O PPdeLugo organizou un encontro con xubilados da asociación Terra-Mar de San Ciprián aos que lles animou a participar nos programas de envellecemento activo e explicou as novidades introducidas en materia de medicamentos

San Ciprián, 15 de outubro de 2012.- “Sanidade ten moi avanzada a redacción do novo plan funcional do Hospital da Costa e polo tanto, podemos confirmar que demos os pasos previos e indispensables para que a próxima lexislatura sexa a da ampliación do hospital mariñán” así o indicou hoxe Rocío Mosquera confirmando as palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo nas que avanzaba esta boa nova que fará realidade unha das reivindicacións pendentes e de maior envergadura e interese para os veciños da Mariña logo de que o centro cumprira o seu 25 aniversario o pasado ano e estea ao límite da súa capacidade asistencial.

 Rocío Mosquera fixo estas declaracións tras achegarse a nosa comarca para participar en varios actos electorais organizados polo Partido Popular de Lugo: un xantar de traballo con alcaldes e portavoces da comarca -que tivo lugar no restaurante Palacio de Cristal de Burela- e unha reunión con xubilados, máis en concreto, con máis de medio cento de membros da asociación Terra-Mar de San Ciprián. Rocío Mosquera estivo acompañada por Jose Manuel Balseiro, número tres da lista electoral do PPdeG na provincia de Lugo así como por outros dirixentes comarcais.

CIRURXÍA LAPAROSCÓPICA

O plan funcional impulsado por Sanidade ten por obxecto describir e determinar as necesidades futuras do hospital e as melloras a incorporar conforme os requirimentos propios dun hospital moderno e avanzado. Así por exemplo o plan funcional describe os servizos existentes, as dotacións en materia de persoal e tecnoloxía necesarias e incorpora novidades -que nunca se tiveron en conta en proxectos anteriores- como as precisas para practicar a cirurxía laparoscópica – menos invasiva e dolorosa e moito máis cómoda para os doentes-

MELLORAS TECNOLÓXICAS

Desde o Partido Popular volveron a comparar o “investimento cero” do bipartito -recoñecido en resposta parlamentaria- cos máis de dous millóns de euros investidos polo Goberno do Partido Popular en diversas melloras no Hospital da Costa entre as que destacaron a reforma integral da área de maternidade ou a adquisición de novos ecógrafos. “Recibimos un hospital cun aparataxe obsoleto, pois socialistas e nacionalistas ademais de non investir un so euro en obras tampouco fixeron a renovación e mantemento preciso dos equipos sanitarios. En época de bonanza esqueceron o hospital, mentres que o PP en época de crise e dificultade corriximos esta situación por exemplo, con investimentos como o que coñecemos nos pasados días para renovar as estacións de anestesia dos quirófanos, isto é, preto de 200.000 euros achegados pola Xunta”

ENVELLECEMENTO ACTIVO

Pola súa parte, durante a reunión coa asociación de xubilados Terra-Mar de San Ciprián, Rocío Mosquera e Jose Manuel Balseiro explicaron as novidades introducidas en materia de prestación farmacéutica como o uso de medicamentos xenéricos -igual de efectivos pero de mellor prezo- ou o novo sistema de pago de fármacos en función da renda, que incorpora á gratuidade a parados de longa duración, xunto aos xubilados coas pensións máis baixas e introduce descontos a familias numerosas. Rocío Mosquera tamén quixo animar aos xubilados a participar nos programas impulsados pola Xunta na promoción da autonomía persoal dos maiores e o seu envellecemento activo, así como o fomento da prevención e dos hábitos saudables.