Resultados autonómicas 2012

Dobre satisfacción dos populares da Mariña lucense tras os excelentes resultados obtidos o 21-0 no conxunto da provincia e na comarca

 Balseiro: O Partido Popular gobernaría con maioría absoluta en todos os concellos da Mariña lucense

 

  • Saberemos dar a resposta axeitada ao inmenso caudal de confianza que temos recibido por parte dos veciños da nosa comarca
  • Os populares incrementan en case dous puntos o respaldo electoral na Mariña lucense, fronte ao desplome de PSOE (-8,17%) e BNG (-5,37%)
  • Dous deputados do PP obtiveron acceso directo a un escano no Parlamento de Galicia: Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra e non se descarta que ao largo da lexislatura poida haber tres.

 A Mariña, 22 de outubro de 2012.- Jose Manuel Balseiro Orol vén de facer hoxe unha valoración “dos excelentes” resultados electorais obtidos polo PP da Mariña nas eleccións que tiveron lugar no día de onte. O popular -que repetirá como deputado no Parlamento de Galicia- asegura que os datos resultantes dos comicios son acollidos cunha “dobre satisfacción” tanto polas boas novas a nivel provincial -onde foi o coordinador da campaña- e onde o PP foi quen de incrementar o seu respaldo electoral acadado máis da metade dos votos (51%) e 9 dos 15 escanos en xogo (datos únicos en toda Galicia) como tamén, e moi especialmente, polos “boísimos resultados na Mariña lucense”. En resume, “cumprimos todos os nosos obxectivos”.

De feito Balseiro lembra que de extrapolarse estes resultados en clave municipal, o Partido Popular gobernaría con maioría absoluta en todos os concellos da Mariña lucense, incluído Riotorto, e tamén os municipios de Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e A Pontenova, onde hoxe o PP exerce a labor de oposición, e en Foz, “onde gobernamos en minoría”.

DOUS DEPUTADOS DIRECTOS E POSIBILIDADE DUN TERCEIRO

En clave galega, a comarca da Mariña disporá de dous deputados do PP con acceso directo a un escano no Parlamento de Galicia: Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, feito “histórico, pois nunca antes tiña acontecido” e que mellora o resultado anterior onde tamén o PP tivo dous mariñáns no Pazo do Hórreo -o propio Balseiro e a actual alcaldesa de Lourenzá tras diversas substitucións na lista electoral.

Balseiro incluso prognosticou que ao longo da lexislatura podería acceder un terceiro deputado popular pola Mariña lucense no Parlamento galego, neste caso, correspondería o escano ao presidente local do PP de Ribadeo, Jesús López Penabad, quen figuraba como número 13 na candidatura provincial dos populares lucenses. “Non o descarto, e incluso creo que é moi probable, xa que haberá seguro movementos na lista actual”

DOUS PUNTOS PORCENTUAIS MÁIS

Acudindo ás cifras, Balseiro lembrou que o PP reforza a súa hexemonía na comarca xa que os populares incrementan en case dous puntos o respaldo electoral nos quince concellos mariñáns, fronte ao desplome de PSOE (-8,17%) e BNG (-5,37%) e a irrupción do AGE, que en todo caso na Mariña non acada o mesmo resultado que en Galicia e queda como cuarta forza política en porcentaxe de votos.

AGRADECEMENTO E COMPROMISO DE TRABALLO DURO

“Saberemos dar a resposta axeitada ao inmenso caudal de confianza que temos recibido por parte dos veciños da nosa comarca” -dixo Balseiro quen agradeceu “de todo corazón o apoio recibido e tamén o traballo feito desde todas as agrupacións locais da Mariña, alcaldes, portavoces, afiliados e simpatizantes do PP que son copartícipes e grandes coprotagonistas destes excelentes resultados”.

En clave persoal o deputado electo -por terceira ocasión consecutiva- acolle os datos resultantes dos comicios “con enorme satisfacción e responsabilidade” e compromete “traballo, moito traballo intenso como sempre intentei facer e desde o primeiro día, para dar a volta á situación económica actual e centrar os esforzos en intentar saír da crise e camiñar cara a recuperación económica e o crecemento”.