Primeiros nomeamentos de Feijóo

Primeiros nomeamentos de Núñez Feijóo para a lexislatura 2012-2016

O MARIÑÁN JOSE MANUEL BALSEIRO VOLVE A SER PROPOSTO COMO SECRETARIO DA MESA DO PARLAMENTO DE GALICIA 

  • O deputado lucense dixo hoxe estar “moi satisfeito e orgulloso” despois de coñecer a proposta do seu nomeamento, e, por iso, agradeceu a “confianza” do presidente Alberto Núñez Feijóo e do conxunto dos seus compañeiros.

 

Santiago, 14 de novembro de 2012.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comunicou esta mesma mañá ao deputado electo por Lugo Jose Manuel Balseiro Orol que volverá a ser proposto como Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, unha responsabilidade que ostentará ao longo da nova lexislatura e que xa desenvolveu nos pasados catro anos.

 Alberto Núñez Feijóo adoptou a devandita decisión, unha vez escoitados oralmente e por escrito, as opinións dos deputados electos populares, aos presidentes provinciais e ao secretario xeral do partido. Ao mesmo tempo a designación do deputado popular para esta responsabilidade -a terceira institución en importancia da autonomía- supón unha mostra do apoio e de confianza do líder dos populares galegos nas tarefas desenvolvidas ata o momento por Jose Manuel Balseiro

ELECCIÓN O VENRES 16 DE NOVEMBRO

 Con estes primeiros nomeamentos queda pechada a proposta da Mesa do Grupo Parlamentario Popular que será votada, o vindeiro venres 16 de novembro, na sesión constitutiva da Cámara galega. A vicepresidencia recairá no deputado Miguel Santalices e a secretaría corresponderá a Jose Manuel Balseiro

AGRADECEMENTO

José Manuel Balseiro dixo hoxe estar “moi satisfeito e orgulloso” despois de coñecer a proposta do seu nomeamento, e, por iso, agradeceu a “confianza” do presidente Alberto Núñez Feijóo e do conxunto dos seus compañeiros.

Ademais, Balseiro expresou a súa intención de traballar arreo na defensa dos intereses de Galicia e o seu desexo de estar “á altura das circunstancias”.

 DEPUTADO DA MARIÑA LUCENSE

 Jose Manuel Balseiro naceu en Ferreira de Valadouro, en 1962 e na actualidade reside en Cervo, onde ostenta o posto de Primeiro Tenente de Alcalde desde 1999 e a responsable da portavocía do PP en Cervo, funcións que compaxina coas de deputado e polas que non percibe ningún tipo de remuneración económica polo Concello

 Forma parte da Executiva popular galega, do Comité de Dirección do Partido Popular de Galicia e é Secretario Xeral do PP de Lugo

 Balseiro é deputado no Parlamento de Galicia dende 2005 e nas dúas últimas lexislaturas foi Voceiro do Mar do Grupo Popular, membro da Deputación permanente e da Comisión do Regulamento.