Oficinas bancarias

Nun asunto tan serio como este, Xunta e PP están do lado dos veciños ante unha decisión que “nin entendemos, nin compartimos e que, na medida das nosas posibilidades trataremos de evitar”

O PP AMOSA A SÚA ROTUNDA OPOSICIÓN AO PECHE DA OFICINA DE NOVAGALICIA BANCO EN RIOTORTO E LAMENTA “A FALTA DE INICIATIVA E AS MENTIRAS” DO ALCALDE

  • Balseiro quixo deixar claro que o peche das oficinas bancarias é unha decisión da dirección do banco e que a Xunta non ostenta participación algunha no accionariado desta entidade, nin tampouco ten capacidade supervisora ou de toma de decisións en relación con este banco
  • Balseiro, a petición do PP local, xa deu traslado da preocupación dos veciños e da oposición á decisión adoptada aos responsables da dirección do banco

Riotorto, 23 de novembro de 2012.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado do PP, Jose Manuel Balseiro Orol, dixo hoxe que tanto a Xunta como a súa formación política “amosan a súa rotunda oposición ao peche das oficinas bancarias que NovaGalicia Banco ten en Riotorto e Muras”. Unha decisión que cualifican de “gravemente prexudicial” e que, de levarse adiante, “suporía a exclusión financeira da xente de maior idade e do rural, que ten moito máis difícil desprazarse a outra localidade para facer xestións bancarias”.

XUNTA E PP DO LADO DOS VECIÑOS

Balseiro asegurou que “nun asunto tan serio como este, Xunta e PP están do lado dos veciños” e quixo deixar claro que o peche das oficinas bancarias é unha decisión exclusiva da dirección do banco que “nin entendemos, nin compartimos e que, na medida das nosas posibilidades trataremos de evitar”. Neste senso sinalou que a petición do Partido Popular local, o propio Balseiro xa deu traslado da preocupación dos veciños e da oposición á decisión adoptada tanto ante a administración autonómica como ante os responsables da dirección do banco.

O ALCALDE MINTE AOS SEUS VECIÑOS

Balseiro tamén foi moi crítico coa actitude do alcalde de Riotorto a quen acusou directamente de “mentir aos seus veciños con afirmacións que son manifestamente falsas” e de eludir as súas responsabilidades, “pois debería ser o primeiro en loitar contra o peche destas oficinas, e facelo ademais ante a porta axeitada e evitando o partidismo, pois cando se trata dun asunto tan serio, todos somos un”. Con todo, o secretario do Parlamento galego considera que o “alcalde non está á altura do que as circunstancias esixen, e será incapaz de liderar esta reivindicación, circunstancia que obriga ao PP a tomar a iniciativa na defensa dos seus veciños”

A XUNTA NON É ACCIONISTA DE NGB

Afondando nesta cuestión Balseiro aclarou que ao contrario do que o rexedor di por aí “a Xunta de Galicia non ostenta participación algunha no accionariado de NovaGaliciaBanco, nin tampouco ten capacidade supervisora ou de toma de decisións en relación con este banco”. Segundo volveu a insistir o secretario do Parlamento o peche das oficinas é unha decisión exclusiva dos directivos desta entidade bancaria.

“Os populares sospeitamos que o rexedor pretende politizar de xeito partidista este asunto para eludir a súas responsabilidades” dixo Balseiro quen volveu a insistir en que “o lóxico sería que como alcalde –e como están a facer outros rexedores noutras partes de Galicia– liderara as negociacións directas con este banco para intentar convencerlles a estes directivos de que non acometan o peche”

PP E XUNTA FARÁN O QUE NON FAI O ALCALDE

A modo de conclusión Balseiro expuxo que “tanto a Xunta como o Partido Popular vai a facer o que non quere facer o alcalde. E xa adiantamos que conscientes da importancia que para a localidade ten o mantemento tanto o PP como o Goberno galego demos traslado aos máximos responsables deste banco, a nosa preocupación pola situación na que queda a localidade a nivel de prestación de servizos financeiros e a nosa oposición ao peche de oficinas”