Opinión

Voto contra o seu pobo, contra o Museo do Mar

 Non ten sentido que a Deputación dispoña de cartos para paseos con helicópteros, pasarelas de moda ou propaganda, para financiar unha gardaría en Paraguai ou á fundación cultural da UPG e non para o Museo do Mar. Pero os veciños saben tomar boa nota e recoñecen a aqueles que unha e outra vez poñen obstáculos e defraudan aos cidadáns aos que din representar

Unha das razóns que provocan un amplo distanciamento entre a cidadanía e os políticos é a incapacidade dalgún destes últimos por manter un discurso coherente e unha posición idéntica, para o mesmo tema, segundo o lugar no que se atopen. Non é sinxelo comprender como é posible que unha mesma persoa que defende unha iniciativa no seu concello vaia despois á Deputación de Lugo, por exemplo, e vote todo o contrario.

Foi isto o que aconteceu no último pleno provincial cando Lara Méndez –concelleira socialista en Cervo e vicepresidenta segunda da Deputación- que no seu concello tiña votado favorablemente a unha iniciativa reclamando a ampliación do Museo do Mar de San Ciprián, levantou despois a man para rexeitar unha moción do Grupo Popular Provincial, coa mesma petición. En resumo, un voto totalmente contraditorio e lesivo cos intereses do seu pobo.

Desde o Partido Popular, en Cervo e en Lugo, sempre mantivemos idéntica posición. Defendemos que o Museo Provincial do Mar constitúe unha icona para a bisbarra e sobre todo para o pobo de San Ciprián, como elemento esencial da súa identidade e como espazo de promoción, posta en valor e enxalzamento do patrimonio cultural, marítimo e pesqueiro de toda a provincia. Entorno a 18.000 visitas de lucenses e turistas así o avalan.

Amplialo non se trata dun capricho senón dunha necesidade. Cando fai tempo o museo conmemoraba o seu corenta aniversario, puido evidenciarse que o actual edificio quedaba pequeno non só para albergar as  coleccións propias do museo senón incluso ás máis de 1.500 pezas catalogadas, procedentes moitas de depósitos altruístas de moitos lucenses. De feito a actual xerencia viuse na obriga de almacenar -nunhas condicións nefastas e como mínimo cuestionables-  gran parte do material en posesión do museo nuns contenedores metálicos dispostos no patio traseiro do museo.

Tanto distintos colectivos, como o Concello de Cervo  así como o conxunto da sociedade, vén reivindicando a necesidade de difundir e ampliar o museo do Mar máis antigo de Galicia, o noso. Hoxe esta decisión é urxente, pois temos unha oportunidade única como é a adquisición dos terreos anexos, evitar que futuras construcións encaixonen o museo e limiten a súa ampliación. Oportunidade que contrasta coa sordeira e desprezo dos actuais dirixentes do bipartito provincial.

Está claro que en política sobran comportamentos tan contraditorios e negativos como os que tivo a socialista Lara Méndez. Pola mañá di estar ao lado dos seus veciños e pola tarde, vota en contra do seu pobo. Non ten sentido que a Deputación dispoña de cartos para paseos con helicópteros, pasarelas de moda ou propaganda, para financiar unha gardaría en Paraguai ou á fundación cultural da UPG e non para o Museo do Mar. Pero os veciños saben tomar boa nota e recoñecen a aqueles que unha e outra vez poñen obstáculos e defraudan aos cidadáns aos que din representar