Sector leiteiro

Os populares valoran moi positivamente o acordo ratificado entre a Xunta e os axentes do sector lácteo para equilibrar a cadea de valor do leite

Os Deputados do PP de Lugo promoven unha batería de medidas de apoio dirixidas a devolver a sustentabilidade do sector leiteiro

421366_333066923455601_861797279_n

  • Balseiro explica que como non existe unha causa única que xere esta crise tamén teñen que ser múltiples as medidas propostas para combatela
  • Propón corrixir prácticas como a venda a perdas, xerar maior liquidez axilizando as axudas conseguidas na UE ou ampliar a base territorial das explotacións e fomentar as Organizacións de Produtores Lácteos

Declaracións de Balserio:

Lugo, 11 de decembro de 2012.-Segundo explicou hoxe o secretario xeral dos populares lucenses, Jose Manuel Balseiro, as deputadas e deputados do PPdeLugo no Parlamento de Galicia veñen de promover unha batería de iniciativas que inclúen distintas medidas de apoio ao sector leiteiro, dirixidas todas elas a devolver a sustentabilidade a un sector que definen como fundamental e estratéxico dentro das actividades produtivas desta provincia.

Ao mesmo tempo os populares quixeron dar conta da súa valoración “moi positiva” logo da ratificación do acordo acadada a pasada semana entre a Xunta, sindicatos e INLAC polo que se evidencia un compromiso de todas as partes para que os gandeiros non se vexan obrigados a producir leite por debaixo dos custos de produción.

Balseiro dixo que no PP son plenamente conscientes do esforzo realizado polos gandeiros lucenses nos últimos anos por manter a competitividade e por saír adiante coa súa actividade. Por iso desde as administracións nas que teñen a responsabilidade de goberno e desde o propio partido están a adoptar toda unha serie de decisións estratéxicas dirixidas a reconducir con contundencia un problema –o do baixo prezo do leite- que pon nunha situación dificil ao sector lácteo galego, ao ver como se vendía o leite a un prezo máis baixo do que garante a sustentabilidade do sistema.

DETECTAR PRÁCTICAS ABUSIVAS

Balseiro explica que como non existe unha causa única que xere esta crise tamén teñen que ser múltiples as medidas propostas para combatela. Entre elas instan á Xunta a dar continuidade aos grupos de traballo que se constituirán entre produtores, industria e distribución que permitan desenvolver unha negociación periódica dos prezos do leite. Tamén pide que se comunique a situación existente no mercado lácteo aos servizos e tribunais en materia de competencia de cara a detectar e sancionar posibles prácticas abusivas na estrutura comercial do lácteo.

MAIOR LIQUIDEZ PARA AS EXPLOTACIÓNS

No tocante á acción do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente os populares reclamarán o cumprimento estrito do acordo asinado entre produtores, comercializadores e transformadores para que o leite deixe de ser un produto de reclamo comercial, o artellamento dunha fórmula áxil para achegar as axudas conseguidas na UE para poder xerar liquidez nas explotacións e afrontar as débedas.

XERAR MAIOR VALOR ENGADIDO

Os populares tamén queren actuar na cadea de valor e nesa liña propoñen fomentar a estruturación das Organizacións de Produtores Lácteos, de forma coordinada e integrada coas estruturas organizativas previas do sector, de cara ao fortalecemento da posición negociadora da banda da produción láctea nos mercados, promovendo o seu dimensionamento autonómico e mesmo suprarexional e tamén fomentar a integración e estruturación dun proxecto galego de transformación de leite, pechando o ciclo de produción e transformación cara á creación de produtos elaborados e á diversificación para a produción de derivados lácteos que xeren maior valor engadido, consolidando unha industria transformadora láctea galega propia.

Moitos destes aspectos o que buscan é profundizar na procura de solucións obxectivo que xa deu un paso fundamental logo do acordo acadado entre produtores e industria a pasada fin de semana e que, segundo o PP, é o reflexo do compromiso que o presidente Feijóo alcanzou no seu debate de investidura, cando anunciou que abordaría o problema do sector lácteo de inmediato.

Ademais, os populares lucenses quixeron poñer en valor o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que asegurou aos sindicatos agrarios que trasladaría persoalmente ao Goberno de España esta problemática, para que se lexislase en contra destas prácticas da venda a perdas. “Porque este non é só un problema de Lugo ou de Galicia, senón de todo o sector produtor en xeral.”