Obradoiro de Emprego

A falta de interese e de implicación do executivo local, presidido polo alcalde nacionalista Fernándo Suárez, tería privado a 45 veciños desempregados dun contrato de seis meses de duración

BALSEIRO INTÉRESASE NO PARLAMENTO POLOS ERROS DA ALCALDÍA DE RIBADEO QUE SUPUXERON A PERDA DO OBRADOIRO DE EMPREGO

Jose Manuel Balseiro Orol

  • O deputado popular quere que a Xunta confirme se o Concello non entregou en tempo e forma a documentación requirida para optar a ser beneficiario desta subvención.
  • Segundo Balseiro no actual contexto de crise a sociedade esixe que se adopten medidas efectivas para reducir o desemprego “algo que parece ter esquecido ou non dar moita importancia o alcalde nacionalista”.

Santiago 14 de decembro de 2012.- O deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se interesa polos erros que puido ter cometidos a Alcaldía do Concello de Ribadeo e que levaron á perda do obradoiro de emprego.

O parlamentario popular quere esclarecer si, tal e como ten transcendido en diversos medios de comunicación, o Goberno local que preside o nacionalista Fernándo Suárez non remitiu en tempo e forma -e fíxoo de xeito imcompleto- a documentación requirida pola Xunta de Galicia para continuar co expediente de concesión desta subvención.

Balseiro lamenta que a “falta de interese, de implicación e de sensibilidade” do executivo local nacionalista teña privado así a un número importante de persoas desempregadas deste municipio da oportunidade de participar durante seis meses nun obradoiro de emprego. De feito, o proxecto propoñía que 45 persoas desempregadas e veciñas desta localidade puideran beneficiarse destas contratacións.

PERDA IRREPARABLE

O deputado popular indica que de confirmarse estas sospeitas a negativa do actual alcalde de enviar a documentación solicitada en tempo e forma supuxo unha “perda irreparable” sobre todo nos tempos que estamos a vivir. Segundo Balseiro no actual contexto de crise a sociedade esixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas que axuden a reducir o desemprego, “algo que parece ter esquecido ou que non valora o suficiente o alcalde nacionalista de Ribadeo”.

Nesa mesma liña Balseiro lamenta que desde o Executivo local non teña ofrecido unha explicación que xulga “imprescindible” e xustifica neste silencio o motivo polo que presentou unha iniciativa parlamentaria. “Será a Xunta quen nos aclarará que pasou con este expediente, quen ofrecerá luz e taquígrafos sobre o que fixo mal ou deixou de facer o alcalde e que levou a perder a oportunidade de ter estas contratacións”-dixo o deputado.

APOIO DA XUNTA AOS DESEMPREGADOS

Os obradoiros de emprego son programadas financiados pola Xunta  e que deben ser promovidos polas entidades locais. Están dirixidos a mellorar as posibilidades laborais das persoas desempregadas de vinte e cinco ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional e da adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social

A situación de Ribadeo contrasta coa que existe noutros concellos da comarca da Mariña lucense nos que, tras tramitar correctamente a súa solicitude e obter a correspondente puntuación hoxe poden gozar desta importante vantaxe impulsada pola Xunta de Galicia como medida de apoio ás persoas desempregadas. É o caso dos concellos de Mondoñedo, Burela, Foz, Cervo, Alfoz, Valadouro, … etc.