Congreso Provincial

A Xunta Directiva Provincial decidiu na tarde-noite de onte que Burela acollería o cónclave dos populares lucenses a celebrarse o 2 de marzo

BALSEIRO SINALA O “HISTÓRICO” DE QUE A MARIÑA ACOLLA O PRÓXIMO CONGRESO PROVINCIAL DO PPdeLUGO E DI QUE SUPÓN UN RECOÑECEMENTO Á COMARCA

Balseiro

  • Recibe con “felicidade e agradecemento” o xesto do presidente provincial, Jose Manuel Barreiro, que ao igual que fixo Feijóo coa provincia, quixo “premiar” o traballo desenvolvido por alcaldes, portavoces, afiliados e simpatizantes do PP da Mariña.

A Mariña, 12 de xaneiro de 2013.- O secretario do Parlamento galego e deputado mariñán Jose Manuel Balseiro amosou a súa “felicidade e agradecemento” pola decisión do Partido Popular de Lugo de escoller á localidade mariñá de Burela para emprazar o seu próximo Congreso Provincial. Esta será a primeira vez na historia na que unha cita destas características -o cónclave dos populares lucenses, no que se elixe a estratexia do partido e os órganos de dirección para os vindeiros tres anos- se traslade fóra da capital provincial “e farao precisamente á Mariña”.

RECOÑECEMENTO Á MARIÑA E AO PP DA COMARCA

Segundo Balseiro este xesto supón un “recoñecemento á cada vez maior importancia desta comarca no conxunto da provincia”, tanto desde o punto de vista de poboación como económico e social. O parlamentario galego dixo tamén que si a decisión de Feijóo de facer de Lugo cidade a sede do Congreso autonómico tiña por obxecto “premiar” á provincia, a proposta de Barreiro de facer da Mariña a sede do Congreso provincial vai tamén nesa mesma dirección. Por iso describiu esta decisión tamén como un xesto “de agarimo e valoración” cunha comarca na que o traballo intenso das distintas agrupacións locais, alcaldes, portavoces, afiliados e simpatizantes “fixo que souberan dar a talla, estar á altura e acadar uns excelentes resultados electorais”.

APOIO ELECTORAL

Balseiro lembrou que nos últimos comicios tanto xerais como autonómicos o Partido Popular foi a forza máis votada en todos os concellos da Mariña. Se extrapolamos os resultados dos comicios galegos e xerais a unhas municipais o PP obtería maioría absoluta e, polo tanto, a alcaldía en todos os concellos da comarca. “Grazas ao apoio social recibido hoxe temos un deputado nacional e dous autonómicos e tres provinciais, veciños e representantes da Mariña lucense no Congreso, Parlamento de Galicia e Deputación”. Tamén lembrou que nas municipais foron quen de arrebatar ao bipartito as alcaldías de Burela e Foz ou ser a forza máis votada en Mondoñedo e Viveiro, mostra dunha confianza social crecente.

AFRONTAR OS PRÓXIMOS RETOS

Nunha valoración dos últimos tres anos que transcorreron desde o anterior Congreso provincial Balseiro sinalou a “capacidade e valía” do actual presidente provincial do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Barreiro, de cuxo equipo “síntome honrado de formar parte” e agradeceu especialmente este xesto de “agarimo” coa súa segunda terra, A Mariña lucense. “A Mariña ten moito que recoñecerlle a Barreiro, entre outras cousas, a súa mediación diaria para acadar unha solución positiva, unha tarifa competitiva capaz de fortalecer o futuro dos traballadores de Alcoa”.

O deputado popular tamén considerou especialmente axeitado aproveitar estes primeiros meses do ano para escoller as estruturas directivas do partido xa que nos últimos 18 meses tiveron lugar citas electorais importantes como as municipais, xerais e autonómicas e, por tanto, unha vez testada a opinión dos cidadáns respecto ao traballo realizado nos últimos anos, agora chegou o momento de que o partido elixa aos equipos cos que afrontar os próximos retos. Balseiro sinalou finalmente a necesidade de que o PP siga respondendo á confianza que os cidadáns depositaron con traballo, medidas e reformas que fagan posible afrontar ás dificultades e moi particularmente o reto da recuperación e o crecemento.