Investimentos en Ribadeo

O deputado popular pide ao alcalde nacionalista que non disfrace como “sectarismo” a súa incompetencia como rexedor municipal

Balseiro refresca a memoria de Suárez Barcía ao lembrarlle que só na pasada lexislatura a Xunta investiu máis de 27 millóns de euros en Ribadeo

 Aduana, Concello e Torre dos Moreno, Ribadeo.jpg

  • En tempos de crise e axustes orzamentarios Ribadeo foi un dos concellos con máis investimento de toda a Mariña lucense.
  • O deputado popular lamenta “a obsesión case enfermiza” de Suárez Barcia por polemizar coa administración autonómica e sinala que este enfrontamento constante non fai ningún favor aos seus veciños.
  • O deputado popular contrasta a alta inversión da Xunta do PP co compromiso moito menor do bipartito cando tivo responsabilidade de goberno na administración autonómica

 

Ribadeo, 17 de xaneiro de 2014.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro quixo hoxe refrescar a memoria ao alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, ao lembrarlle que só na pasada lexislatura a Xunta, presidida por Alberto Núñez Feijóo, investiu máis de 27 millóns de euros nesta localidade.

O deputado popular rexeita as declaracións efectuadas polo alcalde respecto dunha “falsa marxinación de Ribadeo” por parte da administración autonómica sinalando que en tempos de crise e axustes orzamentarios foi este concello “un dos que maior investimento recibiu de toda A Mariña lucense, mostra do compromiso do Goberno galego”.

Balseiro reclamou ao alcalde nacionalista que “non disfrace como sectarismo o que non é máis que a súa propia incompetencia como rexedor municipal” e dixo que a perda da oportunidade de contar cun obradoiro de emprego en Ribadeo foi consecuencia de que o alcalde non presentou a documentación que se lle requiriu en tempo e forma, feito que poderemos comprobar cando teñan oportunidade de tratar no Parlamento unha pregunta que rexistrou sobre este particular.

Balseiro está convencido de que o radicalismo do que nos últimos tempos fai gala o alcalde non é comprendido pola veciñanza, “que observa con estupor a incapacidade de diálogo do seu primeiro edil”. Ao mesmo tempo o deputado popular lamentou a obsesión “case enfermiza” de Suárez Barcia por polemizar coa administración autonómica sinalando que este enfrontamento constante non fai ningún favor aos seus veciños.

O deputado popular dixo tamén que o “alto investimento” realizado pola Xunta baixo a responsabilidade de goberno do Partido Popular “non resiste comparación” co feito polo bipartito, “moito menor”, e só por poñer uns exemplos lembrou as obras de ampliación e mellora do porto de Mirasol (2,2M€), as de Porcillán (1,2M€) os investimentos no Casco Histórico (400.000€), na ampliación e melloras dos centros escolares (2,1M€), na inauguración da nova EDAR (18,5M€) no mantemento do CIM, en materia de vivenda ou no plan de cooperación que permitiu contratar a 80 persoas só ao longo da lexislatura que vén de rematar