Rolda de prensa en Burela

Coinciden co sector en que a regulación está obsoleta e precisa dunha adecuación ás necesidades actuais da flota galega, logo de preto de 50 anos de vixencia da Orde Ministerial que o regula

O GRUPO POPULAR BUSCA O APOIO DO PARLAMENTO GALEGO PARA URXIR A FOMENTO A MODERNIZACIÓN DA NORMATIVA SOBRE TRIPULACIÓNS MÍNIMAS NOS BUQUES DE PESCA

2013-01-25 12.26.01

  • Balseiro Orol asegura que o oacceso á responsabilidade de goberno do PP a nivel estatal, en coordinación coa Xunta, ofrece unha nova oportunidade para abordar este asunto pendente
  • O portavoz do Mar pide tamén que se aproveite a reforma para harmonizar as esixencias legais sobre tripulacións a nivel comunitario e para o establecemento dun marco legal común nas atribucións dos titulados náutico pesqueiros en toda Europa

Burela, 25 de xaneiro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de rexistrar unha iniciativa pola que busca o apoio do Parlamento de Galicia para urxir ao Ministerio de Fomento á modernización da normativa vixente sobre tripulacións mínimas para os buques de pesca.

O deputado popular coincide co sector en que os requisitos sobre tripulacións actuais están obsoletos e precisan dunha adecuación ás circunstancias tecnolóxicas e ás necesidades actuais da flota galega, logo de case 50 anos de vixencia da Orde Ministerial que os regula.

“Evidentemente, moito ten cambiado a técnica naval e a práctica pesqueira no último medio século e, polo tanto, manter vixente unha Orde Ministerial que data do 14 de xullo de 1964 está a provocar que no día a días nos portos galegos resulte un tarefa moi complicada completar as tripulacións mínimas necesarias para enrolarse nas embarcacións e poder saír a realizar as faenas de pesca”, explicou Balseiro

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular lembra que na actualidade a competencia para a modificación desta normativa corresponde ao Ministerio de Fomento, a través da Dirección Xeral da Mariña Mercante. Indica tamén que o acceso á responsabilidade de goberno do Partido Popular a nivel estatal, en coordinación coa experiencia acumulada na Xunta, “ofrece unha nova oportunidade para impulsar a reforma da normativa vixente sobre tripulacións mínimas” e de feito xa hai constancia de que a Administración central está traballando neste camiño.

Balseiro explica que xa fixo estas mesmas peticións hai tempo, pero daquela atopuse coa intransixencia de socialistas e nacionalistas cuxa posición espera teña mudado á xuizo das continuas reivindicacións do sector pesqueiro.

HARMONIZACIÓN A NIVEL COMUNITARIO

Jose Manuel Balseiro quere que se aproveite tamén esta oportunidade para abordar outras cuestións pendentes: “se foran poucos os obstáculos cos que se atopa a flota galega derivados do desfase da normativa estatal tamén no marco europeo resulta necesario avanzar na harmonización dos requisitos sobre tripulacións mínimas. En definitiva, cómpre evitar que os barcos galegos poidan verse prexudicados como consecuencia da diversidade normativa que existe entre os países europeos e que esta disparidade de criterios provoque unha competencia desleal para a nosa flota”.

No acordo, os populares tamén demandan que se estude a posibilidade de establecer un marco legal común nas atribucións dos titulados náutico pesqueiros para todos os países de Europa e, ao mesmo tempo, homologable dentro da Organización Marítima Internacional.

“Se ben é certo que calquera paso que poida darse neste ámbito esixe abrir un proceso de diálogo cos distintos interlocutores do sector, de cara a conciliar unha normativa que compatibilice os principios de seguridade e rendibilidade, tamén hai que recoñecer que este é un camiño que debe percorrerse sen máis demora para ofrecer solucións políticas que sirvan para superar as dificultades actuais”-conclúe Jose Manuel Balseiro