Conservas Cuca

O portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, lembra que na comarca do Salnés a industria conserveira é fonte de traballo dun gran número de persoas e contribúe a xerar emprego maioritariamente feminino

O PARLAMENTO GALEGO APROBA POR UNANIMIDADE  UNHA PROPOSTA DO GRUPO POPULAR EN APOIO DOS TRABALLADORES DE CONSERVAS CUCA

 imagen

  • Deste xeito se asume como propio o acordo aprobado no pleno do Concello de Vilagarcía polo que se apoia as reivindicacións das traballadoras para impulsar unha fronte común de presión contra os plans de traslado que manexa o grupo vasco Garavilla, actual propietario de Conservas Cuca.

 

Santiago, 7 de febreiro de 2013.- O Parlamento galego aprobou esta tarde por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver cantas xestións  sexan necesarias ante a propiedade, para garantir os postos de traballo da factoría Conservas Cuca de Vilaxoán e garantir a continuidade da imaxe e calidade da marca Cuca. 

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou que deste xeito o Parlamento asume como propio o acordo aprobado no pleno do Concello de Vilagarcía e se fai eco das reivindicacións das traballadoras para impulsar unha fronte común de presión contra os plans de traslado que manexa o grupo vasco Garavilla, actual propietario de Conservas Cuca.

O acordo final foi obxecto de transacción entre as forzas políticas e incorporou un terceiro punto no que se indica que de ter recibido Conservas Cuca axudas por parte da Xunta de Galicia, de algunha consellería ou organismo, que vinculen á empresa a permanecer na presente ubicación se faga valer esta circunstancia para imposibilitar o traslado da factoría de Vilaxoán ao Grove, sempre que esta petición este amparada polas normas que regulan a concesión das axudas

FONTE DE TRABALLO NO SALNÉS

Balseiro sinala que o proxectado peche en Vilaxoán o traslado das 110 operarias e da súa produción á fábrica que o grupo matriz da conserveira ten en O Grove ten un salientable impacto negativo tanto desde o punto de vista laboral como tamén, moi en concreto, en relación coa perda dun importante referente dentro do sector produtivo conserveiro de Vilaxoán. De feito, o portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, lembra que na comarca do Salnés a industria conserveira é fonte de traballo dun gran número de persoas, tanto de xeito directo como indirecto,  e contribúe a xerar un emprego maioritariamente feminino

MEDIACIÓN DA XUNTA

O parlamentario popular amosa a súa esperanza para que o acordo adoptado no Parlamento sirva para outorgar un apoio cualificado nas negociacións coa propietaria de Conservas Cuca e durante a súa intervención salientou os esforzos de mediación que está a desenvolver a Xunta de Galicia, que mantivo diversos encontros tanto coa dirección de Garavilla como cos representantes do personal de Conservas Cuca, e nos que participaron representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar e da Consellería de Economía e Industria.