Pesca costeira e marisqueo

A Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia aprobou na sesión que tivo lugar na tarde de hoxe a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular defendida por Jose Manuel Balseiro

O PARLAMENTO GALEGO ENCARGA UN INFORME AO CONSELLO GALEGO DE PESCA PARA DEMANDAR A EUROPA UNHA DISCRIMINACIÓN POSITIVA Á PESCA COSTEIRA E MARISQUEO

 Marcolax

  • A medida beneficiaría a 9.981 profesionais do mar que traballan nos máis de 4.565 buques que faenan no caladoiro nacional aos que habería que engadir a actividade de mexilloeiros, acuicultura e marisqueo

 

Santiago, 7 de febreiro de 2013.- O Parlamento galego aprobou esta tarde unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular pola que se encarga ao Consello Galego de Pesca a elaboración dun estudo que xustifique ante Europa a necesidade dun trato especial para a pesca costeira e o marisqueo en Galicia.

O portavoz do Mar do Grupo Popular sinalou que este informe, elaborado polo máximo órgano asesor en materia de pesca da Consellería do Medio Rural e do Mar e no que está representado todo o sector debe plasmar  a importancia social, económica e ambiental que a pesca costeira artesanal e o marisqueo teñen en Galicia e na continuidade da estrutura social e económica das comunidades pesqueiras.

EMPREGA A MÁIS DE 10.000 GALEGOS

En definitiva e segundo explicou Jose Manuel Balseiro se trataría de convencer ás autoridades comunitarias da necesidade de outorgar unha discriminación positiva a ambos sectores tanto desde o punto de vista normativo –atendendo ás características singulares destas modalidades de pesca e marisqueo- como económico, a través da achega de fondos europeos específicos de apoio á pesca costeira e ao marisqueo

 Balseiro xustificou a súa proposta lembrando que esta medida beneficiaría a 9.981 profesionais do mar que traballan nos máis de 4.565 buques que faenan no caladoiro nacional aos que habería que engadir a actividade de mexiloeiros, acuicultura e marisqueo

 A flota artesanal galega e o marisqueo teñen un especial valor desde o punto de vista da súa capacidade para afianzar o modelo sustentable de explotación dos recursos marítimos, fixar poboación e xerar riqueza nas comunidades costeiras. No ámbito específico do marisqueo cómpre subliñar que en Galicia responde a un modelo de actividade eminentemente feminino, que contribúe a xerar emprego e oportunidades para as mulleres