Reforma tripulacións nos buques de pesca

O popular de Mar, Jose Manuel Balseiro, defendeu a actualización dunha Orde Ministerial do ano 1964 e cuxa modificación forma parte dunha das reivindicacións recorrentes dos profesionais do sector pesqueiro galego, presentes na tribuna de convidados da Cámara autonómica

O PARLAMENTO GALEGO APROBA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA QUE A XUNTA LIDERE O PROCESO DE REFORMA DA NORMATIVA SOBRE TRIPULACIÓNS MÍNIMAS NOS BARCOS PESQUEIROS

DSC_0017b

  • O acordo final pide tamén que se senten as bases para harmonizar as esixencias legais dos cadros mínimos de tripulacións a nivel comunitario e internacional evitando así a discriminación da flota galega

Santiago, 13 de febreiro de 2013.- O Parlamento galego aprobou a iniciativa defendida polo Grupo Popular para que a Xunta lidere o imprescindible proceso de reforma da normativa estatal sobre tripulacións mínimas nos barcos pesqueiros.

O portavoz do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro Orol, defendeu a actualización dunha normativa con case medio século de vixencia -pois data dunha Orde Ministerial aprobada no ano 1964- e cuxa falta de adaptación á realidade presente fai que no día a día dos portos galegos sexa moi complicada a tarefa de completar as tripulacións mínimas necesarias para enrolarse nas embarcacións e poder saír a realizar as faenas de pesca.

HARMONIZACIÓN A NIVEL EUROPEO

Balseiro destacou que esta non é a primeira vez que este debate ten lugar no Parlamento de Galicia pero avanzou a súa esperanza en que o cambio de Goberno en Madrid supoña unha sensibilidade especial fronte ao que nunca foi unha iniciativa partidista, senón un xeito de facerse eco das reivindicacións recorrentes dos profesionais do sector pesqueiro galego. De feito, varios representantes de asociacións produtoras presenciaron o debate desde a tribuna de convidados do Parlamento.

O acordo final tamén pide que se senten as bases para harmonizar as esixencias legais dos cadros mínimos de tripulacións a nivel comunitario e, ao mesmo tempo, un marco lega común nas atribucións dos titulados náutico pesqueiros homologable dentro da Organización Marítima Internacional. Fórmula coa que se busca que a diversidade na atribución de competencias nos diversos países da Unión Europea non constitúa unha competencia desleal da que saía discriminada a flota galega.

NORMATIVA DE CONSENSO

Ante as dúbidas dalgúns dos partidos da oposición, o portavoz do Mar do Grupo Popular aclarou que é partidario de que a nova normativa sobre tripulacións sexa froito dun proceso de diálogo e consenso entre todos os axentes implicados (confrarías, organizacións de produtores, de titulados pesqueiros, sindicatos) e incluso ofreceu a posibilidade de elaborar un estudo sobre este asunto no Consello Galego de Pesca, no que están representados todos estes axentes, proposta que o PSOE finalmente rexeitou.

Balseiro tamén aclarou que non se trata de igualar á baixa os requisitos de formación e seguridade entre os países europeos, senón ao contrario ser esixentes pero facelo desde unha perspectiva de non discriminación á flota galega. O portavoz popular pediu que a oposición non intentara despistar asegurando que se buscaba degradar as condicións de traballo nos buques e animoulles a que baixen aos portos e falen cos profesionais.

Así mesmo, o portavoz popular defendeu que “modificar unha orde obsoleta non é un retroceso, senón un avance” e lembrou que a orde “contempla incluso tripulantes que xa non existen: como o de fogoneiro”. Desde o PP concluíron asegurando que a súa idea sobre a reforma pasa por facer compatible seguridade e operatividade, sen excluír ningún destes aspectos