Grupos de Acción Costeira

Esta tarde, nunha xuntanza en Celeiro

CONFRARÍAS, CLUBS NÁUTICOS E DE PIRAGÜISMO DA MARIÑA E ORTEGAL COÑECERON COMO ACCEDER ÁS AXUDAS DO GRUPO DE ACCIÓN COSTEIRA

pesca_celeiro

  • O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, sinala que poden acceder a subvencións para proxectos dirixidos á dinamización das zonas costeiras e o impulso do turismo mariñeiro, entendido como actividade complementaria que lles permita xerar ingresos extra en tempos de crise

 

Celeiro, 28 de febreiro de 2013.- Patróns maiores das confrarías de pescadores, representantes das directivas dos clubs náuticos e de piragüismo da Mariña lucense e de Ortegal coñeceron esta tarde como beneficiarse e acceder ás axudas contempladas nos programas do Grupo de Acción Costeira (GAC). Fixérono da man da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez, quen convocou esta xuntanza informativa na Xefatura Territorial da Área do Mar de Celeiro.

O devandito encontro xurdiu logo do interese amosado por estes colectivos na xuntanza que mantiveron co portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, quen se comprometeu a promover unha xornada explicativa dirixida concretamente a abordar este tipo de axudas.

DINAMIZACIÓN DAS ZONAS COSTEIRAS

Balseiro busca que os colectivos pesqueiros e da náutica recreativa poidan impulsar moi diversos proxectos dirixidos á dinamización das zonas costeiras de ambas comarcas e moi en concreto aspectos tales como o turismo mariñeiro, que pode ser un ámbito complementario á propia actividade destes colectivos e que lles permita xerar ingresos extra, moi positivos sobre todo en tempos de crise.

O portavoz do Mar do Grupo Popular lembrou que os Grupos de Acción Costeira son un instrumento moi importante para a achega de axudas económicas, sobre todo agora que Europa ten os ollos postos nesta fórmula e vén de impulsar o novo Fondo Marítimo que financiará gran parte dos proxectos que se acollan aos GAC.

A través destes grupos os colectivos relacionados co mundo do mar poden promover tamén outras iniciativas como as dirixidas ao impulso á competitividade das zonas de pesca, ou do valor engadido dos produtos pesqueiros a financiar pequenas infraestruturas e servizos relacionados con este ámbito.