Flota do litoral

O portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, lembra que o Goberno galego e o español manteñen abertas todas as vías de diálogo co sector ao obxecto de atopar solucións no marco dos proceso de reforma das normativas comunitarias

O GRUPO POPULAR INTERÉSASE NO PARLAMENTO POLAS XESTIÓNS DA XUNTA EN APOIO DA FLOTA DO LITORAL ANTE AS PROBLEMÁTICAS XURDIDAS NAS ÚLTIMAS SEMANAS

Flota

 

  • Escaseza de cotas, uso do diario electrónico de abordo, normativa sobre pesaxes e carné por puntos son aspectos que serán avaliados no Parlamento a proposta do Grupo Popular

 

  •  Pregunta tamén sobre a xestión da pesqueiría da xarda logo de que as posibilidades de pesca para este ano víranse notablemente reducidas como consecuencia da imposición dunha sanción por sobrepesca que data do ano 2010

  

Santiago, 5 de febreiro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha pregunta no Parlamento de Galicia para interesarse polas xestións desenvolvidas pola Xunta de Galicia en apoio da flota galega do litoral e ante as problemáticas xurdidas nas últimas semanas.

O deputado popular lembra que veñen de producirse diversos paros da flota de litoral galega coincidindo co inicio da campaña da xarda, amarres que, segundo aduciron, son consecuencia do malestar que provocan no sector problemas endémicos como a escaseza de cotas para España ou outros como a nova normativa sobre o uso do Diario Electrónico de Abordo (DEA), sobre a pesaxe das capturas embarcadas ou sobre o novo sistema coñecido como “carné por puntos”. Precisamente todos estes son aspectos que serán avaliados no Parlamento galego a proposta do Grupo Popular.

 CAMPAÑA DA XARDA

Balseiro lembra que, malia que en 2013 España dispón de máis cotas que o ano pasado, temos o problema engadido de que hai que pagar o sobrepasamento das cotas do ano 2010. “No caso da xarda, se están pagando as consecuencias dunha mala política de control do ano 2010 que leva a reducir dun xeito drástico as posibilidades de pesca na actual campaña, que incluso ten finalizado prematuramente”, apunta o deputado popular, quen se interesa pola opinión da Xunta en relación coa xestión desta pesqueiría.

Finalmente, Jose Manuel Balseiro quixo lembrar que, como non podía ser doutro xeito, a Consellería do Medio Rural e do Mar e o propio Ministerio manteñen abertas todas as vías de diálogo co sector ao obxecto de atopar solucións que puideran ser satisfactorias, tendo en conta, ademais que moitos dos aspectos teñen que ver coa aplicación de normativas comunitarias, en pleno proceso de renovación