Becerreá

Balseiro Orol e Ángel Camino rexistran unha pregunta dirixida ao  conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández

O GRUPO POPULAR LEVA AO PARLAMENTO A SITUACIÓN URBANÍSTICA DO CONCELLO DE BECERREÁ

 Jose Manuel Balseiro

  • Acusa ao alcalde de deixadez e falta de vontade e de provocar deliberadamente importantes prexuízos aos veciños da localidade, de xeito especial, a todos aqueles que poderían ter legalizado as súas vivendas conforme ao novo PXOM

  

Santiago, 8 de marzo de 2013.- Os deputados populares Jose Manuel Balseiro e Ángel Camino interpelarán ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a través dunha pregunta parlamentaria na que se interesan pola situación urbanística do concello de Becerreá, logo das problemáticas xurdidas pola situación de irregularidade de moitas vivendas que poderían ser legalizadas coa aprobación do PXOM que bloquea o Goberno local.

 BLOQUEO DO GOBERNO LOCAL Á TRAMITACIÓN DO PXOM

Na exposición de motivos os deputados populares lembran que o Concello de Becerreá (Lugo) mantén aínda vixentes as Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal aprobadas o ano 1995 xa que a pesar de ter iniciado fai case oito anos os trámites administrativos previos aínda non conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

“Despois de case oito anos do inicio dos traballos, Becerreá segue sen contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal” –explica Balseiro- “e isto é así porque a alcaldía non é capaz de asumir a súas responsabilidades exclusivas en materia de ordenación e xestión do urbanismo no seu territorio”.

Segundo o Partido Popular esta dilación inxustificada, esta motivada pola deixadez e falta de vontade do Goberno local e provoca deliberadamente importantes prexuízos aos veciños da localidade, de xeito especial, a todos aqueles que poderían ter legalizado as súas vivendas conforme ao novo PXOM.

“Mentres persista o desinterese do alcalde de Becerreá na aprobación da nova normativa urbanística aquelas vivendas construídas sen licenza son susceptibles de ser sancionadas e poderían ser derrubadas por estar fóra da Lei, como de feito acontece cun caso que acadou gran notoriedade pública”-dixo Balseiro. O deputado lembra que o concello coñece desde o ano 2002 o acordo firme para derrubar a vivenda construída sen licenza en solo rústico e no núcleo de Lamas. “Polo tanto pasaron máis de dez anos sen que o concello fixera nada por solucionar este problema”.

En consecuencia Balseiro Orol e Camino Copa sinalan con contundencia ao Goberno local “como único e exclusivo culpable desta situación, e dos inconvintes e sancións que dela deriven e que pagan os seus veciños”.

PXOM: SOLUCIÓN

Lonxe de buscar unha solución satisfactoria ata o momento o Concello de Becerreá fixo caso omiso ás reiteradas advertencias da Xunta requiríndolle que aprobe, canto antes, o Plan Xeral como remedio para frear as posibles demolicións e para normalizar a situación urbanística municipal.

“Temos que esixir do Goberno municipal –aínda que sexa moi difícil para eles- que actúen de xeito responsable e isto pasa única e exclusivamente por traballar de cara á aprobación do Plan Xeral”- conclúen Balseiro e Camino, na iniciativa da que son autores.